Antón Masa da APDR: "ENCE nunca foi un bo veciño"
Por Anxo Lourido
"Ence tivo tempo para demostrar se era un bo veciño ou non e eu creo que a maioría da xente da comarca de Pontevedra sabe dabondo que Ence non foi nunca un bo veciño". Así de contundente se mostrou o presidente da Asociación pola defensa dá Ría (APDR). Antón Masa sentenciou: "Ence durante moito tempo fixo sistemáticas campañas de imaxe, esta é unha máis" en relación cos últimos compromisos que a pastera está a manter con diferentes axentes sociais da cidade.
A fábrica situada na ría de Pontevedra é unha das principais frontes que esta asociación mantén aberta dende hai anos. Precisamente agora cúmprense dez anos da sentenza que condenaba á empresa por un delito ecolóxico continuado. As datas coinciden tamén co aniversario da catástrofe do Prestige. Por este motivo, a APDR organizou unha Festa-concerto Homenaxe ao voluntariado.
A asociación está intentado reunir ás máis de 2.000 persoas que da man do colectivo ecoloxista axudaron na limpeza do litoral galego.
O evento desenvolverase o próximo sábado 17 de novembro no Recinto Feiral de Pontevedra a partir das nove da noite coas actuacións de
Xurxo Souto e os Tres Trebóns, Sés, Ruxe Ruxe y Tiroliro. Durante esta cita tamén poderá degustarse polbo, empanada e viño. A entrada custa 7 euros e pódese adquirir xa a través dos teléfonos da APDR: 666.621.438 y 657.095.584
O colectivo conta con máis de 600 asociados nestes momentos e considera que desenvolveu un labor moi positivo durante o seu nacemento ue detéctase nunha maior sensibilización cidadá nos temas relacionados co medio e Masa apuntou que nestes anos "variou moito a concienciación da xente respecto ao tema de ENCE".