Os concellos contratan desempregados para a prevención de lumes forestais
Por Redacción
A Consellería de Emprego e Igualdade vén de resolver a convocatoria de axudas deste ano do programa Aprol Rural para apoiar nos concellos galegos a contratación de persoas desempregadas para a realización de servizos municipais, principalmente os destinados ás medidas de prevención de lumes forestais.
En toda a comunidade vaise posibilitar, ao abeiro deste programa, a incorporación de 505 persoas sen traballo para o desenvolvemento destas tarefas en 284 municipios grazas a un investimento de 7 millóns de euros.
Como exemplo da distribución das axudas: Cerdedo-Cotobade disporá de 41.250 euros para a contratación de tres traballadores; A Lama, Sanxenxo, Meaño, Ribadumia e Moraña terán 27.500 euros para dous empregados; mentres que Campo Lameiro recibirá 17.971 euros para unha contratación, Ponte Caldelas contará con 16.500 para un traballador, e Cuntis, Caldas de Reis, Vilaboa, Marín, Meis, O Grove e Portas faranse cunha axuda de 13.750 euros para un traballador, respectivamente.
As persoas contratadas realizarán tarefas relacionadas, maioritariamente, coa prevención de lumes nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Na baremación da orde de axudas deuse preferencia aos concellos fusionados e emprendedores.
O obxectivo desta iniciativa, ademais de contribuír ás accións municipais de loita contra os lumes forestais na época de alto risco, é incrementar e mellorar as oportunidades laborais do rural de Galicia dando un impulso ao traballo nas zonas menos poboadas da Comunidade Autónoma e favorecer a creación de emprego de calidade mediante a contratación de persoas desempregadas. Por elo, os contratos terán unha duración de nove meses e serán a tempo completo.
Relacionadas:
-
Cuntis contratará trece traballadores durante seis meses
Por Redacción |
-
Mans á obra en Cuntis para previr incendios forestais
Por Redacción |
-
Os montes de Sanxenxo contarán por primeira vez cun plan de prevención contra incendios
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas pide á Xunta axudas para a limpeza de leiras nas franxas de seguridade contra incendios forestais
Por Redacción |
-
O Concello de Cerdedo-Cotobade activará dúas brigadas e un camión motobomba para a prevención e extinción de incendios
Por Redacción |
-
250.000 árbores serán plantadas dentro do Plan de Reforestación en zonas afectadas polos incendios
Por Redacción |