Panadeira súmase aos once areais de Sanxenxo co distintivo Q de calidade
Por Redacción
Panadeira súmase este verán aos once areais que xa locen o distintivo Q de calidade: A Lapa, Areas, Areas Gordas, Baltar, Canelas, Caneliñas, Foxos, Montalvo, Silgar, Major e Pragueira. A praia urbana de Sanxenxo que hai dous anos recuperou a bandeira azul e que xa figura na listaxe de Praias sen Fume contará con esta nova insignia de calidade.
O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, recolleu este martes no Hotel VP Praza España Design en Madrid as doce insignias nun acto presidido pola ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, e o presidente do ICTE, Miguel Mirones. "Estamos moi satisfeitos con este novo distintivo que certifica a calidade dous nosos areais, pero seguiremos traballando para continuar incrementando a cifra", asegura Juan Deza.
Ás Q de Calidade das praias súmanse as das oficinas de Turismo situada no porto deportivo e a de Nauta Sanxenxo, así como as dos 35 establecementos do sector turístico que xa dispoñen deste distintivo pola calidade do seu servizo. En total, entre o sector público e privado Sanxenxo suma 49 "Q" de Calidade das 278 que ten Galicia.
Esta certificación concedida polo Instituto de Calidade Turística Española (ICTE) outorga un distintivo fiable e de prestixio a nivel nacional e internacional, o que finalmente se traduce na captación de máis visitantes ou clientes e na fidelización destes mesmos, a través de valores como a profesionalidade, a seguridade, e a calidade.
Estes recoñecementos súmanse ás 17 bandeiras azuis en praias, os 6 sendeiros azuis, o porto deportivo Juan Carlos I e A Telleira. Ademais doutras dúas bandeiras que non dependen do Concello, pero son igualmente importantes, como os clubs náuticos de Sanxenxo e de Portonovo.