Primeiro paso desde a Deputación para acadar o recoñecemento oficial da lingua de signos galega
Por Anxo Lourido
Que sucede cando unha persoa con diversidade sensorial ten que realizar trámites cunha administración que se manifesta en galego? Pois non lle queda outra que comunicarse en lingua de signos castelán porque a lingua de signos en galego non está recoñecida oficialmente.
Malia as crenzas populares, a lingua de signos non é universal, hai tantas linguas de signos como comunidades sociais con lingua propia. Pola contra, no territorio estatal en 2007 só se recoñeceron a española e a catalana como linguas oficias de signos no Estado.
Agora, a Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (XOGA) e a Deputación de Pontevedra queren iniciar o procedemento para que calquera persoa con diversidade sensorial poida manifestarse tamén, con recoñecemento oficial, na lingua galega de signos.
A deputada responsable de Lingua, María Ortega, acompañada pola presidenta de XOGA, María Jesús Monterde, anunciaban a sinatura dun convenio co que se iniciarán estes traballos de investigación cunha dotación de 30.000 euros anuais.
"É urxente e necesario recoñecer eses dereitos lingüísticos desta comunidade", afirmou Ortega durante a presentación desta acción que beneficiará a persoas xordas, xordocegas e con perda auditiva, unha poboación de máis de 54.000 residentes en Galicia, segundo indicou María Jesús Monterde. O horizonte desta conquista será a medio prazo e a deputada provincial lembrou que a responsabilidade final corresponde a Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Desde mediados de xaneiro xa están a traballar neste proceso para realizar o primeiro informe prospectivo para avanzar no recoñecemento da lingua de signos galega. Monterde indicaba que calquera persoa que poida utilizar a lingua de signos galega poderá coñecer tamén a lingua oral de Galicia. "É a recuperación dalgo que é noso", afirmaba a presidenta de XOGA.
Neste sentido, lembraba que calquera participante que fale en galego nunha acto institucional, por exemplo, está a ser traducido á lingua de signos castelán pero non ao galego, co que se perden expresións e material patrimonial.
Relacionadas:
-
Expertos conclúen que a Lingua de Signos Galega é unha realidade, que existe, e non hai que creala
Por Oskar Viéitez |
-
Avanzan a programación do Día das Linguas de Signos reclamando mudar "inclusión" por "equidade"
Por Diana Eiras & María José Pita |
-
A Federación Española de Sordocegueira apoia a proposta de XOGA de oficializar a Lingua de Signos Galega
Por Redacción |
-
A Deputación achega 10.000 euros a Esperanza Salnés para a atención a menores con diversidade sensorial
Por Redacción |
-
A Deputación colabora con XOGA para o servizo de intérpretes de lingua de signos na provincia
Por Redacción |
-
Unha pancarta para conmemorar o Día Nacional da Lingua de Signos
Por Redacción |
-
Pontevedra activará un servizo de mediación e interpretación para persoas con diversidade sensorial
Por Alejandro Espiño |