Poio recupera 420.000 euros investidos na mellora da estrada entre Portosanto e Campelo
Por Redacción
O Concello de Poio recuperará máis de 420.000 euros para o desenvolvemento de diferentes investimentos e actuacións, grazas a unha addenda aprobada no Pleno ordinario do pasado martes, que afecta ao convenio asinado entre a propia Administración local e a Deputación de Pontevedra para a execución da mellora peonil da estrada EP-601 Portosanto – Campelo – PO-308.
Esta modificación vén determinada pola obtención por parte da institución provincial de fondos europeos, conseguidos a través do Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE), que ascenden a máis de 1,4 millóns de euros. No seu momento, o acordo asinado entre ambos organismos establecía que a Deputación asumiría o 70% do orzamento, taxado en 1,8 millóns de euros, e o Concello o 30% restante, unha contía que ascendía a máis de 500.000 euros. Agora, grazas á consecución desta axuda europea, o Concello de Poio tan só terá que asumir 105.000 euros, recuperando preto de 420.000 euros.
A addenda contou co voto a favor de todos os grupos da Corporación. O Goberno local amosa a súa satisfacción tanto polo feito de que se tivese acometido no seu momento esta reforma na vía, para mellorar a mobilidade e a seguridade peonil, como pola recuperación destes fondos.
O concelleiro de Urbanismo e deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís (PSOE), explicou que estes 420.000 euros serán recuperados a través do Plan Concellos. "A obra cumpre cos requisitos de sustentabilidade e eficiencia que esixe o IDAE á hora de obter este tipo de axudas", sinalou o edil socialista, que lembrou tamén que a recuperación destes fondos é posible grazas á aprobación do actual Plan de
Mobilidade, impulsado polo Goberno municipal.
"Este plan permítenos beneficiarnos de achegas como esta ou como a conseguida recentemente para a mellora do núcleo do Xuviño, en Combarro", recordou Agís, que entende que a aprobación do devandito plan foi un "fito moi importante para Poio".
Na mesma liña tamén se expresaron tanto a concelleira de Participación Veciñal e voceira de Avante Poio, Silvia Díaz, como a titular de Seguridade Cidadá, Marga Caldas (BNG). Ambas incidiron na importancia e relevancia desta obra, que era "moi necesaria e reclamada pola veciñanza e que serviu para impulsar o desenvolvemento de Campelo".
Ademais, os dirixentes municipais tamén apostaron por continuar traballando para impulsar máis melloras no que a accesibilidade e mobilidade se refire, algo que redunda "na calidade de vida da cidadanía". Durante o debate plenario, lembrouse, asemade, que o Concello está realizando xestións para acometer a adquisición de terreos de cara a habilitar aparcadoiros.
APARCADOIROS
O Partido Popular de Poio propuxo ao Goberno local que estes cartos que vai recuperar das obras de mellora da mobilidade peonil en Campelo se volvan a investir nesta parroquia, concretamente en "poñer fin á falta de estacionamento que está causando importantes problemas entre a veciñanza e tamén o comercio do lugar".
O voceiro popular Ángel Moldes defendeu que "o que pedimos desde o PP é que os cartos que estaban aprobados para Campelo queden en Campelo, é lóxico que se sigan destinando a ofrecer solucións ás problemáticas dos veciños deste lugar", sostivo Moldes.
"Entendemos se deberían reutilizar para buscar unha solución á falta de estacionamento. É unha cantidade importante, que permite comprar ou alugar terreos e dar unha resposta a un problema que está orixinando queixas diarias entre os veciños".
Ademais, recorda que aínda quedaría pendente unha segunda fase para dotar de beirarrúas ao resto da estrada provincial e, mesmo, na vía que vai de Campelo a San Xoán. Por iso, lamentou a falta de apoio do Goberno local á proposta do PP.
Relacionadas:
-
Poio planea reformar a conexión entre os núcleos de Padrón e Casalvito
Por Redacción |
-
Case 800.000 euros de fondos europeos para que Poio renove o alumeado municipal
Por Redacción |
-
O Concello de Poio adapta dúas leiras en Campelo como aparcamentos disuasorios
Por Redacción |
-
O PP pide ao Concello de Poio que fale coa veciñanza antes de pintar as estradas prohibindo o estacionamento
Por Oskar Viéitez |