'O galo que comeu a navalla' de Sergio Roma (O Souto), vencedor da 'Batalla das Cunchas'
Para cunchas, as de Pontevedra. Ese podería ser un bo resumo do certame gastronómico que se celebrou na Alameda. Nove cociñeiros, fronte a fronte, participaron na 'Batalla das Cunchas', baixo a atenta mirada e o refinado padal dun selecto xurado, para alzarse co premio á mellor tapa que tivese como protagonista mariscos con cuncha.
Mexillóns, vieiras, zamburiñas, ameixas, ostróns, berberechos, navallas e escupiñas foron os oito bivalvos ou moluscos elixidos para este combate, que supuxo o acto de clausura da I Festa das Cunchas, organizada dentro da iniciativa municipal Pontevedra Capital Gastro.
O tenente de alcalde en Pontevedra, Tino Fernández, abriu o concurso asegurando que este certame era unha "oportunidade única" para a unión e a complicidade entre as diferentes cociñas da cidade e defendendo que "o gañador é o marisco".
Pontevedra ten, segundo Fernández, "todos os ingredientes para converterse en referente da gastronomía nacional e internacional" e, a través da marca Pontevedra Capital Gastro, impulsaranse novas accións para "poñer en valor o noso".
Cada participante contou con dez minutos para elaborar as súas propostas, que foron analizadas, entre outros, polos cociñeiros pontevedreses Iñaki Bretal, Carmen Canabal, Vicente Tortajada e Marcos Romero ou dous profesores do Carlos Oroza, Manuel Hermo e Ricardo Fernández.
Con Carlos Maldonado, gañador da terceira edición de Masterchef e único 'Estrela Michelin' do mundo que saíu deste programa de cociña, como mestre de cerimonias, cada cociñeiro defendeu o seu prato, elaborado cun marisco diferente cada un e elixido por sorteo.
Os primeiros en baterse en duelo foron Marta Santiago (A Fervella), que presentou o seu mexillón con salsa de guacamole; e Adrián Redondo (Alcrique), que apostou pola súa particular versión da vieira a galega.
Pablo Romero (Bagos) coa súa ameixa rabiosa e Carlos Barreira (Bocarte) coa súa zamburiña ao perfume de pemento de Padrón foron os dous seguintes en presentar as súas creacións gastronómicas, seguidos de Marta García (Meigas Fóra), que preparou os berberechos con arroz e pementos de Herbón; e a navalla de Sergio Roma (O Souto), co suxestivo nome de 'O galo que comeu a navalla', marinada en lima e acompañada de crestas de galo.
O ostrón potenciado con sabores asiáticos de Rubén González (El Cafetín) e a escupiña con augachile de millo de Toño Mora e Andrés Muñoz (Padal da Santiña) foron as que deleitaron ao xurado xusto antes da súa deliberación.
Durante a elaboración dos pratos, Carlos Maldonado foi falando con cada un dos cociñeiros sobre os seus establecementos, os mariscos que lles tocaban e as súas calidades cos fogóns, pedíndolles ademais que foran explicando as receitas das súas tapas.
Ao final, seguindo o estilo dos emperadores romanos, cunha coroa de loureiro na cabeza, a 'Batalla das Cunchas' recoñeceu a Sergio Roma como o seu primeiro gañador.
Relacionadas:
-
A segunda edición da Festa das Cunchas reforza a candidatura de Pontevedra a capital española de la gastronomía
Por Manu Otero |
-
RADIO.- Turismo gastronómico e sustentabilidade serán as dúas propostas que Pontevedra promocione en FITUR o próximo xaneiro
Por Redacción |
-
Mestizaxes, o festival das cociñas do mundo feitas con produto local
Por María José Pita |
-
"En Pontevedra tenéis unas rías magníficas. El producto que dan es de lo mejor que hay"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O barrio da Moureira recibe o primeiro Premio Gastronómico "Loureiro de Ouro" da Festa das Cunchas
Por Redacción |
-
A hostalería de Pontevedra activa o roteiro da Festa das Cunchas
Por Redacción |
-
Pontevedra aposta polo marisco e lanza a primeira Festa das Cunchas
Por Manu Otero |
-
Primeiros pasos da marca Pontevedra Capital Gastro para converter a cidade en referente gastronómico
Por Redacción |