Vilaboa negocia con Rede Eléctrica un cambio no trazado do abastecemento auxiliar da subestación
Por Redacción
O Concello de Vilaboa estuda presentar alegacións ao proxecto de abastecemento auxiliar da subestación eléctrica de Bértola elaborado pola empresa Rede Eléctrica de España e que neste momento atópase en fase de exposición pública.
O Concello de Vilaboa considera que o actual trazado marcado pola eléctrica pode no futuro resultar prexudicial para os intereses dos veciños ao condicionar a expansión da rede de municipal de saneamento.
Por iso, desde hai varias semanas o alcalde de Vilaboa, César Poza, iniciou unha serie de conversacións cos responsables de Rede Eléctrica co obxectivo de buscar alternativas que non resulten lesivas para a parroquia de Bértola. Poza aposta por unha solución de consenso e un acordo beneficioso para as dúas partes.
En caso de non producirse o goberno local de Vilaboa defenderá os intereses da veciñanza e presentará as alegacións que considere oportunas na busca dun trazado alternativo. César Poza trasladou aos portavoces dos grupos municipais da oposición o contido das reunións e os argumentos do goberno local para manter unha postura unánime.
As obras da subestación eléctrica de Bértola están xa na súa recta final e o Concello de Vilaboa mantén coa empresa unha actitude conciliadora que confía en que teña o seu reflexo na empresa que aínda ten pendente de liquidar os danos derivados da execución dos traballos.