Cerdedo reabre a área de lecer fluvial
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, supervisou o remate dos traballos realizados no entorno da praia fluvial de Cerdedo que melloraron os espazos actuais coa construción de diversas infraestruturas e servizos de lecer, integrados na contorna para respectar o seu valor ambiental, mantendo vinculación co deporte, o xogo e os hábitos saudables.
Asemade tamén se melloraron os viais de comunicación desta infraestrutura turística cos establecementos de hostalería existentes en Cerdedo co fin de facilitar o acceso e o consumo dos produtos de calidade nos negocios da vila.
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de rematar tamén os labores de acondicionamento, mellora e limpeza das praias fluviais e das zonas acuáticas de lecer de todo o municipio para telas nas mellores condicións para a tempada de baño que agora comeza e que se intensificará a partir da segunda quincena do mes de xullo.
Cerdedo-Cotobade dispón de ata seis espazos catalogados para este lecer no censo oficial da Consellería de Sanidade e todos eles cunha calidade das augas de primeiro nivel. Así, ademais da citada contorna de Cerdedo, tamén figuran as áreas de Carballedo, Xesteira (Almofrei), Pozo Negro (Rebordelo), Viascón e Calvelo (Tenorio).
Segundo o alcalde, Jorge Cubela, trátase da "maior oferta neste tipo de espazos de augas continentais en Galicia que agora aumentará o seu atractivo cando incorporemos os Baños do San Xusto como elemento diferenciador que catalice aos máximos niveis tamén a nosa oferta en turismo termal e de augas minerominicinais. Estamos afrontando o presente mirando cara ao futuro", indicou.