Axentes medioambientais sorprenden un cazador furtivo que utilizaba trampas ilegais en Verducido
Por Oskar Viéitez
Axentes medioambientais adscritos ao distrito XIX Caldas-Salnés-Pontevedra sorprenderon in fraganti esta semana a un cazador furtivo que tiña instalados polo menos catro lazos trampa nun monte da parroquia pontevedresa de Verducido.
Os feitos foron detectados o pasado luns durante un servizo de vixilancia rutineiro no que os funcionarios da Consellería de Medio Ambiente localizaron un can atrapado nun lazo, unha trampa prohibida pola Lei de caza de Galicia.
Tras desactivar o dispositivo para evitar o estrangulamento do animal e proceder á súa identificación para poder contactar co dono, os axentes detectaron na mesma zona outros tres lazos activos e un biotopo ou criadeiro de coellos que non contaba coas preceptivas autorizacións.
En vista da situación, decidiron despregar un operativo de seguimento co fin de identificar ao autor dos feitos. Contra última hora desa mesma tarde, un home achegouse ata a zona e comezou a realizar labores de mantemento no biotopo ilegal. Tamén manipulou unha das trampas que foran desactivadas polos axentes.
Unha vez comprobada a súa vinculación cos lazos e co criadeiro de coellos, os responsables do operativo interceptaron ao home, veciño de Pontevedra, procederon á súa identificación completa aos efectos oportunos e retiraron na súa presenza todos os lazos localizados.
O informe dos axentes foi trasladado xa aos servizos xurídicos da consellería, que analizarán agora os feitos denunciados para valorar se inician o correspondente procedemento sancionador e mesmo se traslada a denuncia ante o xulgado, en caso de que haxa indicios de delito.
Das presuntas infraccións atribuídas ao cazador pontevedrés a máis grave sería a colocación e uso de lazos para cazar, unha práctica de carácter ilegal.