Impedir os botellóns, prioridade das autoridades para esta fin de semana
Por Redacción
As forzas de seguridade van a extremar a vixilancia en toda Galicia para que non se organicen botellóns e que os mozos, que actualmente son o colectivo de maior risco de contaxio pola covid-19, non se reúnan de xeito masivo para beber alcohol na rúa.
É unha práctica que está prohibida por lei en toda a comunidade e, segundo recordan as autoridades, os participantes expóñense a multas de 200 ou 300 euros por persoa.
Para preparar este dispositivo, este venres celebrouse unha xuntanza entre a Xunta de Galicia, a Delegación do Goberno, mandos policiais e os concellos, representados pola Fegamp.
No encontro acordouse incrementar os controis e os dispositivos policiais durante esta fin de semana para evitar infraccións, sobre todo en concellos como o de Sanxenxo e en cidades nas que nos últimos días se rexistraron máis vulneracións das normas sanitarias.
"Pedimos un último esforzo nos vindeiros días, sobre todo á xente máis nova, para que os bos resultados que temos en Galicia non se estraguen e non haxa que dar pasos atrás", destacou o vicepresidente galego, Alfonso Rueda.
Nas denuncias presentadas polos concellos pequenos e medianos que tramita a Xunta, o botellón é a terceira causa máis común nas infraccións, por detrás de non levar a máscara e de fumar sen respectar as normas.
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reiterou a "máxima colaboración" das forzas de seguridade coas autoridades sanitarias para a protección da saúde pública ante o repunte de casos de covid-19, especialmente no tramo de persoas menores de 30 anos.
Neste sentido, indicou que tanto a Policía Nacional como a Garda Civil intensificarán a súa acción e a súa coordinación coas policías locais e a policía autonómica para controlar e tratar de evitar a celebración de reunións numerosas na vía pública.
Miñones apelou á cidadanía e tamén aos alcaldes e alcaldesas para manter e incrementar o traballo conxunto coas policías locais e para transmitir unha mensaxe de prudencia e contención na celebración de actos lúdicos e festivos nos diferentes pobos e cidades galegas.
Relacionadas:
-
Detido un mozo que feriu outro cunha navalla durante un botellón en Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
A Policía Local de Pontevedra pecha parques e espazos públicos para evitar botellóns
Por Oskar Viéitez |
-
Axentes patrullarán as zonas costeiras para evitar botellóns durante as fins de semana
Por Redacción |
-
As policías Local e Nacional realizan un especial control sobre os botellóns, que están prohibidos en toda Galicia
Por Natalia Puga |
-
Lores, sobre as restricións: "Os botellóns fanse noutros sitios e logo padecemos nós as consecuencias"
Por Alejandro Espiño |