O Concello advirte a Fomento que paralizará as obras do AVE se non se reparan os danos causados
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra advertiu ao Ministerio de Fomento que se non hai un cambio de actitude antes do próximo luns 14 de outubro con respecto aos danos causados pola obras do AVE, o goberno local tomará as medidas oportunas para paralizar os traballos.
Segundo o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, unha estimación conservadora dos danos orixinados por estas obras sitúase entre 4 e 5 millóns de euros.
César Mosquera compareceu en rolda de prensa este mércores para trasladar o malestar do goberno local polos reiterados incumprimentos das empresas que están a executar as obras do Tren de Alta Velocidade ao seu paso polo municipio. Unha "situación insostible" que xa foi comunicada por carta á Ministra de Fomento, Ana Pastor.
A gota que encheu o vaso da paciencia dos responsables municipais foi a prórroga "sen xustificar" das obras no Barrio da Seca durante catro meses máis e a actitude mostrada pola empresa na rúa Holanda, onde cortaron a iluminación pública sen que permitan a súa reposición. Mosquera sumou estes últimos problemas a un extenso informe de danos en servizos municipais, dende viais, acometidas de saneamento, auga ou iluminación, nunha trintena de localizacións.
"O Concello vai ter que actuar", dixo Mosquera polo que a partir deste luns, se Fomento non dá unha orde de corrixir estas deficiencias o Concello anulará os permisos para tránsito de camións polo centro ou por vías rurais, e revogará todas as autorizacións para facer abastos de material en terreos municipais. Estas medidas supoñerán de facto a paralización das obras do AVE.
Relacionadas:
-
Resolta a reparación dos danos causados polo AVE, o Concello aborda con Fomento o futuro das pontes en desuso
Por Oskar Viéitez |
-
Fomento e as contratas do AVE asumirán o arranxo dos estragos causados polas obras
Por Alejandro Espiño |
-
Fomento convoca unha reunión de urxencia para resolver os problemas das obras do AVE
Por Redacción |
-
Solicitan por carta á Ministra de Fomento o arranxo dos danos ocasionados polas obras da Alta Velocidade
Por Oskar Viéitez |