A Xunta destinará 1,4 millones de euros a programas en favor de mulleres vulnerables
Por Redacción
A Xunta de Galicia vén de convocar as axudas destinadas a asociacións de mulleres e federacións para fortalecer o movemento asociativo feminino e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas.
Así o destacou a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella no III Congreso de Asociacións de Mulleres no que participou este sábado e que estivo organizado pola entidade Mulleres en Igualdade de Poio con apoio da Xunta e da Federación de mulleres pola igualdade de Pontevedra (Femupo).
López Abella defendeu o necesario impulso e a dinamización das asociacións de mulleres "entidades clave e eixos de transformación necesaria para avanzar na igualdade real e efectiva". Tamén incidiu na súa especial relevancia no ámbito rural, onde son factor de dinamización, de loita contra as violencias machistas, da mellora da calidade de vida e fornecedoras do tecido social.
A secretaria xeral lembrou que as entidades contan ata o 22 de xullo para presentar a súa solicitude, e anunciou que o orzamento neste 2021 vén de duplicarse na liña da convocatoria coa que se apoia a consolidación das entidades que pasa dos 80.000 aos 164.757 euros para paliar os efectos da covid-19.
Por outra banda, destacou que a Xunta destinará este ano 1,4 millóns de euros a 61 entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a posta en marcha de programas específicos de recursos integrais de atención especializada destinados en exclusiva a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, incluíndose entre estas as vítimas de violencia de xénero, de explotación sexual-laboral, migrantes ou refuxiadas, as pertencentes a minorías étnicas ou reclusas e ex-reclusas, entre outras.
Relacionadas:
-
Pulseiras solidarias que se traducen en horas de apoio psicolóxico a vítimas de violencia de xénero
Por Redacción |
-
Crean o observatorio "Stop Machitroles" para combater a violencia machista na rede
Por Redacción |
-
Xuntos Asociación de Síndrome de Down presenta á Xunta un plan de empoderamento de mulleres con discapacidade intelectual
Por Redacción |
-
Aberto o prazo de solicitude de axudas para asociacións de mulleres en Poio
Por Redacción |