Poio impulsa Contorna Cidadá, un programa para dar a coñecer o tecido asociativo do municipio
Por Redacción
O Concello de Poio impulsará un novo programa para coñecer o tecido asociativo do municipio. Trátase de Contorna Cidadá, unha iniciativa que se enfoca na posta en valor dos colectivos locais, na difusión e promoción dos eventos e proxectos que desenvolven estas entidades e na optimización da Rede de Espazos Municipais.
Segundo explicou a coordinadora da área, Silvia Díaz, durante esta primeira toma de contacto realizada estes días na Finca de Besada "se levaron a cabo intercambios de opinións e propostas que resultan moi enriquecedoras á hora de poñer en marcha a iniciativa", e destacou que, con Contorna Cidadá, aspiran a ofrecer á veciñanza canles de comunicación adaptadas ao contexto actual, combinando reunións e citas presenciais con fórmulas telemáticas, así como asesoramento e formación ás directivas das asociacións en diversas cuestións como recursos electrónicos.
Pola súa banda, as agrupacións destacan que a través da Contorna Cidadá "resultará moito máis sinxelo resolver cuestións como a xestión administrativa ou a tramitación de axudas", e salientan a importancia de poder contar con ferramentas para formación".
Tamén, outro dos grandes atractivos desta iniciativa será a creación dun espazo web específico, que servirá para dar difusión e promocionar eventos, citas e actividades impulsadas polos colectivos de Poio.