Pontevedra condena o "horrible" asasinato de Samuel Luiz na Coruña
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal de Pontevedra sumouse este luns ás mostras de condena ante o asasinato de Samuel Luiz, o mozo de 24 anos que faleceu na Coruña tras recibir unha brutal malleira por parte dun grupo de persoas que, segundo fontes da investigación, xa foron identificadas.
Anabel Gulías, portavoz do executivo pontevedrés, lamentou este "horrible" asasinato e quixo transmitir as mostras de condolencia do Concello á familia e amigos da vítima para "darlle ánimos e forzas" neste "momento tan difícil".
A violencia, sinalou Gulías, "é sempre condenable en todo caso", pero desde Pontevedra reclaman ás autoridades que "clarifiquen" as causas deste crime. Oficialmente, a Policía Nacional apunta a que puido deberse a unha discusión ou malentendido polo uso dun teléfono móbil, mentres que os amigos do falecido aseguran que se tratou dun delito homófobo e que, mentres o mataban a golpes, chamábano "maricón de merda".
Consideran que "se realmente foi un delito de odio", en concreto por homofobia, toda a sociedade galega debe mostrar a súa "preocupación" ante o feito de que se estean a producir este tipo de condutas.
A portavoz municipal asegurou que estas agresións contra o colectivo LGTBIQ+ prodúcense porque se está creando un "caldo de cultivo perigosísimo" na sociedade que "acaban desencadeando" crimes como o da Coruña.
Desde o Concello animan a todos os pontevedreses a participar na concentración de repulsa ante o asasinato de Samuel Luiz que se celebrará esta tarde ás oito na Praza da Peregrina. A ela acudirá unha representación institucional do goberno municipal.