Haberá cronómetro nos plenos para limitar os tempos de intervención
Por Alejandro Espiño
Dous anos despois de acordalo, xusto ao comezo do actual mandato, haberá límite de tempo nas intervencións que se fagan nos plenos municipais. Así o anunciou este luns a portavoz do goberno local, Anabel Gulías.
Os servizos municipais de informática están a ultimar o sistema para controlar os tempos que, entre outras cousas, incluirá un cronómetro. Aínda se debate se, ao termo do período autorizado para falar, baixarase o micro dos concelleiros ou se silenciará.
En base ao acordo entre os grupos políticos, o propoñente terá sete minutos para a súa exposición inicial, tres máis para a réplica e dous minutos para pechar o debate.
Pola súa banda, o resto de intervenientes terán catro minutos cada un para responder á declaración inicial e, posteriormente, outros dous minutos de réplica.
Estes tempos, en todo caso, poderían sufrir algunha lixeira variación, en función da decisión que se adopte nunha próxima reunión entre todos os grupos políticos.
O Concello espera que este novo sistema se poida estrear no pleno municipal que se celebre este mes de xullo. En caso contrario, e ante a previsible ausencia de actividade plenaria en agosto, entraría en vigor en setembro.