O TSXG avala a legalidade das obras de Barcelos e condena á Xunta en custas
Por Alejandro Espiño
As obras realizadas na praza de Barcelos, en concreto o pavimentado do vial anexo ao muro do convento de Santa Clara, foron legais e realizáronse cos permisos preceptivos. Xa o ditara así un xulgado de Pontevedra, pero a Xunta recorreu sen éxito esta resolución.
Patrimonio impuxera unha multa de 2.500 euros ao Concello ao entender que os traballos realizados afectaban o muro do convento, un elemento catalogado para a súa protección. Con todo, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) non o considera así.
A sala do contencioso-administrativo conclúe que a Xunta no seu recurso non xustificou "de ningún xeito" que o lugar no que se executaron as obras fora un ámbito protexido.
Ademais, asegura que as obras realizáronse "fóra do ben catalogado" polo que considera que é "evidente" que non se sanciona unha actuación sobre un patrimonio inventariado senón sobre un espazo de dominio público municipal.
Agora, a Xunta de Galicia -ademais de devolver o importe da multa imposta ao Concello- deberá asumir as custas deste proceso, fixadas nuns 1.000 euros.
Desde o goberno municipal celebraron esta resolución xudicial, pensando ademais nas obras de rehabilitación integral previstas en Barcelos e que comezarán este mesmo ano.