Clamor en Pontevedra tras o asasinato de Samuel: "Podería ter sido calquera de nós"
"Este día non é de festa, é de loita e de protesta". Ese foi un dos lemas coreados polas máis de mil persoas que se concentraron este luns en Pontevedra para condenar o asasinato de Samuel Luiz, o mozo de 24 anos morto na Coruña tras sufrir unha brutal malleira.
A morte de Samuel, que foi atacado e golpeado ata a morte mentres lle chamaban "maricón de merda", espertou unha onda de indignación en toda España, especialmente entre o colectivo LGTBIQA+, fartos do incremento dos delitos de odio no noso país.
Esta "LGTBIfobia", lembraron os asistentes durante a lectura do manifesto que acompañou a esta masiva concentración na Praza de España, "non ten cabida na nosa sociedade" e reclamaron que esta morte "non quede impune".
"Podería ser calquera de nosotres", engadiron, polo que fixeron un chamamento para que "tomedes parte e non deixedes pasar a violencia que sucede diante de vós porque as nosas vidas dependen diso".
Tras insistir que "non estamos aquí para pedir vinganza, senón xustiza", os encargados de poñer voz a este manifesto, lembraron que os delitos de odio "non ocorren no baleiro" senón que forman parte dun contexto social "que os permite e os fomenta".
O odio á comunidade LGTBIQA+, segundo subliñaron, "ten responsables políticos", ao estar "auspiciada" por partidos de extrema dereita "que deberían ser ilegalizados" e por outros "supostamente de esquerdas" que deron unha "viraxe profundamente LGTBIfóbica".
"A responsabilidade deste crime e das agresións que están a emerxer tamén é súa", concluíron antes dun minuto de silencio e un longo aplauso en memoria de Samuel, "un mozo que era inocente e ao que lle roubaron a vida polo simple feito de ser".
Entre as diversas autoridades que se atopaban nesta concentración estaban, entre outros, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, os concelleiros Tino Fernández, Yoya Blanco, Anabel Gulías, Demetrio Gómez ou Eva Vilaverde ou o deputado do BNG no Parlamento galego, Luís Bará.