Bueu instalará tótems tecnolóxicos para informar á poboación de actos culturais ou subvencións
Por Redacción
O Pleno da Corporación de Bueu aprobou na súa reunión deste luns unha moción presentada polo PP para a instalación dunha serie de tótems tecnolóxicos en diversos puntos da vila co fin de que a cidadanía poida estar informada sobre actos culturais, deportivos e sociais, axudas e subvencións, campañas de concienciación, actividades turísticas ou teléfonos de interese.
A moción contou co apoio de BNG, PP e PSOE, mentres que ACB votou en contra. Unha vez aprobada, o voceiro do BNG e concelleiro de Innovación Tecnolóxica, Xosé Leal, asegurou que o goberno estudará a iniciativa, o seu custo e as fórmulas para poder levala a cabo cando sexa posible.
O Pleno tamén debateu outra moción do PP relativa á protección da salubridade pública en fontes e lavadoiros, e na que se reclamaba a actualización e reposición que advirte do estado da potabilidade da auga nas fontes, garantindo a súa lexibilidade para toda a cidadanía.
A moción contou cos votos a favor do PP, en contra de BNG e ACB e a abstención do PSOE, de maneira que foi rexeitada. O alcalde, Félix Juncal, xustificou o rexeitamento por parte do Goberno local explicando que as autoridades sanitarias desaconsellan poñer eses carteis nas fontes de auga natural.
Ademais, o rexedor asegurou que "dende hai catorce anos, dende o goberno local levamos a cabo un control das fontes dos diversos lugares con análises de auga periódicas, aínda que por parte do laboratorio sempre se nos di que eses resultados poden variar dun día para outro e por iso os carteis non sería acertado colocalos".
O Pleno celebrouse de forma presencial no Centro Social do Mar con todas as medidas de seguridade, aínda que tamén se continuou coa fórmula de retransmisión en directo dende a canle de YouTube do Concello de Bueu.