Pontevedra, na busca dunha nova imaxe para dar un "salto adiante" na súa proxección
Por Alejandro Espiño
Unha imaxe coa que resulte "fácil" transmitir todo o potencial que ten Pontevedra. É o que busca, a partir deste martes, o comité de expertos reunido polo Concello para analizar as 27 candidaturas presentadas para deseñar a súa nova imaxe corporativa.
Deberán analizar os 'portfolios' dos aspirantes, é dicir, traballos previos realizados para outros clientes públicos ou privados. Entre eles, procedentes principalmente de Galicia, deberán seleccionar as catro propostas que mellor encaixen neste obxectivo.
Os catro seleccionados, xa mediante un traballo remunerado, terán que desenvolver unha proposta de deseño concreta e o comité de expertos elixirá a gañadora deste concurso público, a responsable de crear a nova imaxe do Concello de Pontevedra.
Os membros deste comité asesor, segundo destacou o alcalde de Pontevedra, contan cun currículo "grandísimo" en áreas como a comunicación, o deseño corporativo ou as TIC. Trátase de catro profesionais de recoñecido prestixio, vinculados á Universidade de Vigo.
Son Marcos Dopico, decano-comisario da nova Facultade de Deseño; Cristina Varela, secretaria do Grao de Deseño; ou Juan Manuel Corbacho e Alberto Dafonte, docentes de ciencias audiovisuais e publicidade. Xunto a eles estarán diversos traballadores municipais.
Ademais, tamén forman parte deste comité dúas persoas designadas pola Asociación Galega de Deseño.
Nas súas mans estará a elección dunha imaxe "adaptada aos tempos actuais", sinalou Miguel Anxo Fernández Lores, e que reflicta as características de Pontevedra como "referente" en modelo urbano para "darnos a coñecer dentro de sectores que non nos coñecen".
Con este "salto adiante" na súa proxección, o Concello de Pontevedra decidiu "rodearse dos mellores", segundo Fernández Lores, para conseguir unha imaxe corporativa "máis específica, selectiva e visualizable en todo o mundo".
Relacionadas:
-
Auga e pedra dan forma á nova imaxe de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
A empresa Cenlitrosmetrocadrado deseñará a nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra
Por Redacción |
-
Crece o interese internacional polo modelo cultural de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra quere acoller en 2022 o congreso Place Making Week Europe
Por Alejandro Espiño |
-
Unha delegación política de Braga visita Pontevedra para coñecer o seu modelo urbano
Por Redacción |
-
Os interesados en deseñar a nova imaxe do Concello poden presentar traballos ata o 2 de xullo
Por Redacción |
-
Catro expertos asesorarán na escolla da nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Concello de Pontevedra avanza na procura da súa nova imaxe corporativa
Por Redacción |