A Deputación de Segovia inspírase en Pontevedra para a xestión das emerxencias
Por Redacción
Representantes da Deputación de Segovia visitaron este martes a institución provincial pontevedresa para coñecer a experiencia do Consorcio Provincial Contra Incendios que comezou a operar en xuño cun modelo de xestión 100% pública.
A visita débese a que o Consorcio Provincial de Emerxencias, adscrito á Deputación de Pontevedra, é un dos modelos que a Deputación segoviana está a estudar de cara a implantación deste servizo no territorio da provincia castelá-leonesa.
Unha delegación segoviana encabezada polos deputados Basilio del Olmo e Óscar Moral mantivo unha xuntanza co deputado Carlos Font para coñecer o funcionamento operativo e organización administrativa en Pontevedra provincia. Unha vez rematada a xuntanza, celebrada na sede provincial en Vigo, a comitiva desprazouse ao parque do Porriño para coñecer instalacións, equipamentos e capacidade de resposta sobre o terreo.
Carlos Font explicou os detalles dun servizo que este mes de xuño comezou a funcionar coa xestión directa e pública, un cambio de modelo que supuxo a subrogación do persoal con carácter indefinido non fixo ou interinidade ata a cobertura definitiva dos postos. O deputado destacou as vantaxes do novo modelo de xestión 100% pública, con respecto ao que existía en anteriores etapas.
O deputado detallou as especificidades da atención ás emerxencias nun territorio densamente poboado e cunha alta dispersión, como é o da provincia de Pontevedra. Así concretou que o Consorcio conta cun orzamento anual de 3.819.700 euros e dispón de catro parques, situados en O Porriño, Bueu, Ribadumia e Vilagarcía.
A atención compleméntase co Consorcio comarcal do Deza-Tabeirós-Terra de Montes, con base en Lalín e dotado cun orzamento de 1.027.359 euros. Ámbolos dous están coparticipados ao 50% pola Deputación e a Xunta.
Relacionadas:
-
O pleno da Deputación elude o debate sobre a concesión dos indultos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Xunta e Deputación aproban o paso ao modelo de xestión directa nos catro parques comarcais de bombeiros da provincia
Por Redacción |
-
O consorcio contra incendios dota os parques da provincia dun novo camión-escaleira
Por Redacción |