Sanidade propón pechar o lecer nocturno e "valorar" un posible toque de queda
Por Alejandro Espiño
O lecer nocturno, que volveu abrir en Galicia o pasado 1 de xullo -salvo en Pontevedra polo seu actual nivel de restricións- podería ter os días contados. Outra vez. Sanidade propoñerá ás comunidades decretar un novo peche ante o alarmante incremento dos contaxios.
Esta decisión, que xa adoptou Cataluña de maneira unilateral, será analizada na reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde que se celebrará este mércores.
É unha das medidas propostas polos técnicos do ministerio ás comunidades para frear a crecente vaga de contaxios entre a poboación que aínda está sen inmunizar e que elevou a incidencia acumulada do país por encima dos 200 casos por cada 100.000 habitantes.
Así, Sanidade propoñerá o peche "urxente" de todos os locais de lecer nocturno, independentemente da incidencia da zona na que se atopen.
Ademais, suxiren que no marco do consello interterritorial "se valore" a posibilidade de recuperar o toque nocturno, polo menos entre as 01:00 e as 06:00 horas, para evitar os contactos entre os máis novos en lugares de lecer.
Iso si, esta medida -que xa solicitaron comunidades como Castela e León- obrigaría ao Goberno para aprobar un novo estado de alarma e, segundo avanzou o ministro de Política Territorial, Miquel Iceta, polo momento o executivo parece non barallar esa opción.
O relatorio técnico de Sanidade suxire tamén limitar o horario nocturno na hostalería ou medidas para "eventos multitudinarios", mesmo prohibilos se non se poden garantir o cumprimento das medidas de prevención para evitar que se rexistren contaxios.
Relacionadas:
-
Requisitos para ir aos pub de Pontevedra: PCR negativa de 72 horas antes, vacina completa ou covid nos últimos 6 meses
Por Natalia Puga |
-
O lecer nocturno pontevedrés poderá reabrir se esixe certificados de vacinación ou PCR negativa
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra, Vilaboa, Barro, Cambados e Vilanova estréanse no nivel medio de restricións
Por Natalia Puga |
-
Cacerolada a medianoite para protestar polo peche do lecer nocturno en Pontevedra
Por Redacción |