Novos cribados con PCR na Illa de Arousa e Cambados
Por Redacción
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés efectuará nas próximas datas novos cribados con PCR nos concellos da Illa de Arousa e de Cambados, localidades pertencentes ao distrito sanitario do Salnés.
Na Illa de Arousa farase un novo cribado no pavillón do Colexio Público de Torre durante a tarde do mércores 7 e a mañá do xoves 8 de xullo, con 997 citados de entre 20 e 39 anos e dous equipos de cribado por quenda.
Así mesmo, a área sanitaria convocará no pavillón do colexio Santo Tomé de Cambados outro cribado poboacional voluntario con PCR a 2.500 persoas dentre 20 e 39 anos, que comezará o vindeiro xoves 8 de xullo pola tarde con tres equipos de cribado e 750 citados e continuará o vindeiro venres 9 de xullo pola mañá con catro equipos de cribado e 1.000 persoas citadas e pola tarde con tres equipos de cribado e outras 750 persoas citadas.
Estes cribados súmanse aos que xa se están efectuando no recinto feiral de Fexdega, no Concello de Vilagarcía de Arousa, este martes 6 e mañá mércores 7 de xullo a 2.000 persoas de entre 20 e 29 anos, en quendas de mañá e tarde, con 500 citados respectivamente en cada quenda.
O procesado das mostras recollidas efectuarase no laboratorio de Microbioloxía do Hospital Provincial de Pontevedra e os resultados enviaranse á poboación mediante mensaxe SMS. Nos casos positivos, o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) contactará telefonicamente coas persoas para informarlles sobre as medidas preventivas a adoptar.