Pontevedra mantense en nivel medio e aumentan as restricións en Cambados, Vilanova, Vilagarcía e A Illa de Arousa
Por Oskar Viéitez
O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola covid-19, vén de acordar, na súa xuntanza desta tarde, o nivel alto de restricións para os concellos de Sarria, Cambados, A Illa de Arousa, Vilanova e Vilagarcía.
Nestes concellos os grupos non poderán superar as seis persoas en espazos pechados e as reunións só con conviventes entre a unha e as seis da madrugada. Ademais, non estará permitido o consumo no interior da hostalería e nas terrazas a ocupación será do 50 %.
Ademais, as medidas do nivel medio serán de obrigado cumprimento nos concellos de Pontevedra, Culleredo, Ribadavia, Ourense, Barbadás, Caldas de Reis, Poio, Marín, Redondela e Salceda de Caselas.
Os restantes concellos galegos permanecerán no nivel medio baixo.
Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro sábado, 10 de xullo.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informará este mércores en rolda de prensa dos acordos adoptados na reunión do comité clínico. Estará acompañado polo secretario xeral técnico, Alberto Fuentes; a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo; e polo xerente do Sergas, José Flores Arias.