Sorrisos terapéuticos en Amencer-Aspace
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Correos reparte habitualmente cartas e paquetes, pero este mércores ampliou o seu abano de envíos en Pontevedra: distribuíu tamén sorrisos. Os destinatarios foron un grupo dunhas 70 persoas, 40 delas afectadas por parálise cerebral e outro tipo discapacidades afíns, que gozaron no xardín da sede de Amencer-Aspace en Lourizán dun espectáculo da ONG Payasos sin Fronteras.
A gala protagonizárona o mago Noel e dous actores da compañía teatral Escuadral 17 (todos membros de Payasos sin Fronteras e orixinarios de Pontevedra) e forma parte do programa 'Correos reparte sonrisas', que este ano alcanza a súa edición número 16 con 38 festas e dous talleres de formación en toda España, ademais do intercambio epistolar entre escolares e nenos hospitalizados.
A iniciativa é froito dunha colaboración entre Correos e Payasos sin Fronteras que, segundo Carmen Rubio, coordinadora do programa por parte da ONG, parte da premisa de que "la risa es un elemento importante para mejorar la salud física y mental de los niños y de sus familias y acompañantes"
A filosofía última do programa é que a risa e o humor son unha boa terapia complementaria e achega un reforzo psicolóxico e emocional tanto a nenos coma a adultos. Na sede de Amencer cumpriron obxectivos, pois durante máis dunha hora lograron as risas e complicidade dos asistentes.
A través de maxia, teatro, música e globoflexia implicaron os usuarios do centro e os seus coidadores, que cantaron e se moveron con eles e chegaron ao momento de maior participación cando interpretaron todos xuntos a coñecida canción infantil 'El arca de Noé'.
Carmen Rubio explicou en Lourizán que as galas se adaptan ao público destinatario, que vai dende nenos hospitalizados a outros colectivos infantís en situacións de especial dificultade como inmigrantes, nenos en acollida ou persoas con discapacidade. Todo para "que lo pasen bien y durante un rato se le ayude en su terapia".