Marín inicia esta fin de semana un amplo programa festivo
Por Redacción
O Concello de Marín dará inicio ao seu programa de dinamización do verán este venres coa apertura dunha serie de actividades que combinan actuacións de pequeno formato con outras de maior aforo, pero sempre adaptadas á situación sanitaria e con todas as medidas de seguridade.
O obxectivo é que estas celebracións contribúan a ser un motor cultural, de ocio e de reactivación da economía local.
VENRES 9 DE XULLO
Este venres 9 de xullo abrirase ás 12.00 horas a mostra de artesanía, que estará presente na Alameda de Marín ata o 19 de xullo.
Pola tarde, ás 17.00 horas, haberá fase clasificatoria de Petanca, organizada pola Asociación Gharaboto, no Campo da Praza de España. Ás 20.30 horas, Pousos da Area inaugurará o ciclo de pasarrúas.
Contra a noite, ás 21.00 horas dará comezo o pregón das Festas do Carme, que cambia a súa localización e pasa a celebrarse no Parque Eguren, co obxectivo de poder dar maior cabida aos espectadores. O pregoeiro será José Francisco Gil Dopazo, que estará acompañado do grupo Picuíña para ofrecer unha velada que xa avanzaba que sería diferente.
A partir das 22.00 horas tomará o testigo a batucada Maracumbé Bloco polas rúas de Marín, e media hora máis tarde, a partir das 22.30 horas, iniciarase a animación musical en diversos espazos, con Somoza Trío en Almuíña e a Praza de España, Algo pasa con Mary en Ezequiel Massoni e Los 3 Latinos en Méndez Núñez.
SÁBADO 10 DE XULLO
O día 10 seguirá a petanca ás 10.00 horas, cunha primeira fase clasificatoria, e ás 17.00 horas disputaranse os cuartos de final.
A partir das 20.00 horas, haberá misa na honra de San Cristovo, na Igrexa de Santa María do Porto, e posterior procesión, coa colaboración da Asociación Cultural Chaneiros.
Ás 21.00 horas, o Parque Eguren acollerá o XV Certame de Bandas de Gaitas Virxe do Carme, organizado por Airiños de San Xulián, e que contará coa participación das bandas de Os Zoqueiros de Porriño, Aires de Cobres de Vilaboa, e Airiños.
A esa hora tamén haberá un espectáculo infantil a cargo do Mago Noel na Alameda e media hora despois a charanga Jalácticos encherá de son as rúas de Marín.
Rematado o certame, iniciarase no Parque Eguren o monólogo de Miguel Lago e ás 23.00 horas, comezará a animación musical con Algo pasa con Mary, Grupo Rever e Raúl & Cía, na Alameda, en Méndez Núñez e en Augusto Miranda, respectivamente.
ENTRADAS PARA A PARÍS DE NOIA
Desde o Concello de Marín infórmase de que a partir das 11.00 horas do xoves 8 de xullo poderán reservarse as entradas para a actuación da orquestra París de Noia na Praza de España o 16 de xullo. Poderanse coller a través da web do Concello, de Enterticket e no Museo Torres, de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas.
O concerto será sentados, polo que as entradas son dobles, é dicir, que por cada cadriño que se selecciona na web, estanse a reservar dous asentos.
Pódese consultar o programa íntegro en: https://www.concellodemarin.es/unveranconxeito/
Relacionadas:
-
O Museo Torres de Marín expón os seus tesouros
Por Redacción |
-
Expedientan un local de hostalería durante as Festas do Carme por superar "en máis do dobre" o aforo permitido
Por Redacción |
-
A música de Dvicio anima a véspera do Día do Carme en Marín
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Arrancan as Festas do Carme de Marín, cun ollo posto nas restricións pola pandemia
Por Redacción |
-
Toda a programación das Festas do Carme xa está dispoñible nun clic
Por Redacción |
-
Marín aposta por un verán 'con xeito'
Por Redacción |
-
A banda Dvicio e a orquestra París de Noia, pratos fortes das Festas do Carme
Por Redacción |