O Concello e a Xunta destinan 106.000 euros á posta a punto dos colexios de Sanxenxo
Por Redacción
As obras de mantemento e posta a punto previstas este verán nos centros educativos de Sanxenxo contarán cun investimento de 105.945 euros, entre o Concello e a Xunta. A concelleira de Educación, Paz Lago, revisou nas últimas semanas as necesidades en materia de obras e reparacións das instalacións cos equipos directivos. En todos os colexios están previstas actuacións, excepto no do Cruceiro, xa que o alumnado e profesorado trasladarase ao novo colexio do Revel o próximo curso.
No CEIP A Florida realizarase o cambio de tubaxes, repoñeranse persianas e cristais, repararanse humidades, cambiaranse portas e marcos de armarios e acondicionarase unha aula para a ANPA.
No CEIP Magaláns están previstos traballos de reposición das portas do edificio principal, da rede do peche exterior e do tellado do pavillón. Tamén se colocarán novas xanelas nas aulas exteriores.
No CEIP Telleiro renovarase o peche perimetral do colexio, repoñeranse tubaxes e estúdase o posible pintado do pavillón.
No CEIP Portonovo repoñeranse as portas de Infantil e acondicionaranse os baños. Neste centro está, ademais, a piques de iniciarse unha reforma integral financiada pola Consellería de educación de case un millón de euros coa que se prevé un aforro enerxético de case o 70%.
No CEIP Plurilingüe Nantes colocarase tarima flotante na biblioteca, emendaranse as deficiencias da instalación eléctrica e repoñeranse o peche do parque infantil. Ademais, efectuarase o cambio de varias xanelas.
Na Escola Unitaria de Aios pavimentarase a beirarrúa perimetral do centro.
A estas obras súmanse as tarefas de mantemento de servizos xerais como fontanería, pintura, electricidade e albanelería que executan os operarios municipais do departamento de Obras e Servizos. Traballos que axudan tamén a mellorar cada curso a calidade de vida da comunidade educativa.