O Programa para Maiores da Universidade de Vigo presenta unha nova estrutura académica
Por Redacción
O próximo curso traerá importantes cambios para o Programa para Maiores, que renova a súa estrutura e organización interna. Deste xeito, en lugar dos cinco anos que ata agora levaba completar a formación, serán seis, de modo que o Ciclo Intensivo pasará de tres a catro anos e o Integrado manterase en dous.
O director do programa, José Luís González Cespón, recalca que se trata de que se pareza o máis posible aos graos, tanto na estrutura como na formación. Para iso, as horas de docencia pasarán tamén a contabilizarse en créditos ECTS, como o resto da formación regrada que se imparte na Universidade de Vigo.
Esta iniciativa está aberta a persoas de 55 anos ou máis. A través dos dous ciclos tratan de facilitarlles ás persoas adultas o seu desenvolvemento cultural, social e persoal, tanto se non puideron acceder á universidade no seu momento como se, contando cunha titulación superior, seguen tendo inquietudes por continuar a súa formación.
Para matricularse no ciclo intensivo non é preciso contar con ningún tipo de estudos, mentres que para o integrado requírese ter cursado previamente o intensivo ou ben contar cunha titulación universitaria.
O prazo de preinscrición para o próximo curso permanecerá aberto ata o mércores 21 deste mes de xullo e, unha vez adxudicadas as prazas, a matrícula formalizarase no mes de setembro. Ofértanse 30 prazas en todas as materias, excepto nas virtuais, que se ofertarán 35.