Vilagarcía cancela os actos máis multitudinarios das festas de San Roque
Por Oskar Viéitez
As rúas de Vilagarcía non acollerán unha nova edición da Festa da Auga nin calquera acto multitudinario que forme parte das Festas de San Roque, declaradas de interese turístico nacional.
Así pois, tampouco haberá Combate Naval –o espectáculo pirotécnico que reúne a miles de persoas nas praias da Concha e Compostela- como tampouco desfile de carrozas, nin ofrenda floral ao santo, nin, en xeral, calquera acto que poida convocar a moito público e cuxa seguridade sanitaria non poida ser garantida.
O Concello pide desculpas polo trastorno que isto pode causar, pero está seguro de que a práctica totalidade de veciños e visitantes comprenderá as razóns que levaron a adoptar semellante decisión.
Con todo, iso non significa que o Concello renuncie a promover o espírito festivo que caracteriza especialmente ao mes de agosto, co que iso supón de animación social pero tamén de apoio a dous sectores que o levan pasando especialmente mal dende que comezou a pandemia: a hostalería e o comercio.
Deste xeito, e seguindo as pautas xa apuntadas en 2020, si se manterán os concertos –que serán presentados en vindeiras datas, a falla de pechar algúns detalles- e unha actividade que cada ano vai a mais e así o confirman as valoracións dos cidadáns: o Festaclown.
Nestes actos, como noutros de pequeno formato, e como xa sucedeu no último San Roque, o aforo estará limitado e condicionado pola normas vixentes nese momento, con espazos acoutados, control de acceso e aforo, medidas de hixiene e distancia de seguridade.
Para iso, ademais dos espectáculos, o concello terá que contratar tamén a unha empresa que desenvolva esas labores de seguridade e control, de xeito que os custes de produción se incrementarán. Aínda así, o Concello quere demostrar deste xeito o seu apoio ás industrias culturais, e especialmente aos axentes locais e galegos, que levan moitos meses nunha situación moi difícil.