CIG Ensino alerta do peche de aulas e a redución de docentes en Infantil e Primaria no rural
Por Oskar Viéitez
O sindicato CIG-Ensino alerta de que a Consellería de Educación "está a premer o acelerador para pechar aulas e colexios neste mes de xullo", provocando un elevado número de supresións de docentes.
A central nacionalista sinala que o argumentario da Consellaría xustifica esta medida "por decisións técnicas" motivadas pola caída da matrícula e por unhas condicións de resposta á situación sanitaria.
Pola súa banda o sindicato di que son as limitacións e os recortes orzamentarios e de recursos humanos no ensino público os que marcan a decisión de acometer peches de aulas ao mesmo nivel do que se facía até o curso 2028/19.
CIG Ensino afirma que xa están confirmados peches de aulas e supresións de profesorado no CEIP A Pedra (Bueu), EEI A Pastora (Cambados), e na EEI Nosa Señora do Carme (Marín), entre outros centros.
Finalmente, a central nacionalista engade que esta medida da Consellería non ten en contra a "situación real" das persoas e dos núcleos de poboación dos centros e rexeita "que todo isto se faga nun curso aínda en plena pandemia e con todas as incertezas, que se faga sen ter conta a necesidade do alumnado, mais tamén do profesorado, despois das dificultades e esforzos deste curso", o que, ao seu xuízo, "deixa ben ás claras a falta de sensibilidade da Consellaría coa educación e co ensino público en particular".