Benestar Social e Policía Local coordínanse para asistir emerxencias no fogar de persoas con déficit de autonomía
Por Redacción
O protocolo do servizo de auxilio a domicilio activado a principios do pasado mes de maio pola Concellería de Benestar Social en colaboración coa Policía Local de Pontevedra atópase operativo as 24 horas do día para atender as emerxencias que se produzan nos fogares.
Tal e como se sinala no protocolo deseñado desde a Oficina Técnica de Benestar Social, "as persoas obxecto desta atención serán aquelas que teñan reducida a súa capacidade de autonomía persoal e que precisen, ademais das atencións propias que ofrecen os Corpos de Seguridade municipal, dalgunha outra atención imprescindible de carácter persoal ou doméstico, que non poda ser realizada pola mesma persoa ou por outra do seu contorno, xa sexa porque non dispoñan de familia ou porque a que teñen non llela poda dispensar ou non exista forma de localizala".
O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, aclara que "as atencións que se dispensan baséanse na aplicación das competencias no ámbito dos servizos sociais comunitarios e máis concretamente nas do SAF, e polo tanto quedan excluídas deste proxecto as atencións de carácter sanitario, que son competencia doutras administracións e que deberán ser promovidas por parte da Policía Local e prestadas por persoal sanitario".
A empresa que presta este servizo é Idades, quen é tamén a firma contratada polo Concello de Pontevedra para prestar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
O concelleiro Marcos Rey explica que "este servizo de atención domiciliaria está pensado por exemplo para casos nos que a Policía acode ao auxilio dunha persoa maior que está caída no chan e que non é capaz de levantarse soa e nos que, en moitas ocasións, se precisa dun servizo de carácter sociosanitario, como unha limpeza, a preparación dunha tila para axudalos a acougar, un aseo persoal no caso de que estean sucios ou o arranxo da cama para deitalos en boas condicións".
A actuación iníciase exclusivamente a instancias da Policía, apunta o edil socialista, "despois de avaliar que non é preciso avisar aos servizos sanitarios e que non é posible a localización dun familiar ou dun coidador habitual e que se fai necesaria a inmediata prestación de servizos persoais".
A empresa concesionaria do servizo realizará un diagnóstico rápido das necesidades de atención da persoa e desprazará ao lugar a un traballador auxiliar de axuda a domicilio no menor tempo posible, nunca superior a 30 minutos desde o aviso dado pola Policía. A continuación, expón o concelleiro, " "realizaranse as atencións domésticas e persoais de xeito inmediato, asegurándose que a persoa atendida queda en bo estado de hixiene e seguridade e tentando lograr o acompañamento por parte dalgún familiar ou coidador".
Segundo indica o responsable de Benestar Social, este programa de emerxencias tamén actúa como un efectivo sistema de detección ou de "alarma" de necesidades non detectadas por outras canles para a Concellería de Benestar Social, xa que, "trala intervención da auxiliar, Idades envía ao domicilio do usuario a unha traballadora social coa finalidade de que elabore un informe de situación para os Servizos Sociais municipais, e dito informe pode derivar na tramitación dun SAF de Dependencia ou dunha residencia de maiores".
Desde Benestar Social prevese a atención dunhas 30 persoas ao ano nestes casos de emerxencia vencellados a persoas maiores ou con déficit de autonomía. Cada servizo conta cunha duración estimada de 3 horas cada un, o que se traduciría nunhas 90 horas de prestación anuais.
Relacionadas:
-
Pontevedra duplicará o custo do SAF para incrementar en 40.000 as horas de atención a dependentes
Por Redacción |
-
Benestar Social e Idades lanzan un novo curso para formar a futuros traballadores do SAF
Por Redacción |
-
Reactivan o servizo de auxilio a domicilio as 24 horas para emerxencias vinculadas a persoas maiores
Por Redacción |