Portas mellora os camiños de Cachal e garante o acceso ás leiras da zona
Por Redacción
O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, inspeccionou esta semana o inicio das obras de mellora de camiños en Cachal, na parroquia de Lantaño, que implicarán a ampliación da plataforma para uso de vehículos.
Durante a visita, deu instrucións oportunas aos operarios para facilitar o acceso ás leiras colindantes cos viais mellorados co fin de que os usuarios poidan seguir utilizándoas coa máxima seguridade e operatividade.
A actuación está incluída dentro do Plan Marco, impulsado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e contempla a construción dun muro de perpiaño que permitirá a contención do terreo unha vez ampliado o acceso a diversas leiras produtivas da veciñanza.
Estas obras de mellora saíron a contratación por un prezo de licitación duns 51.551,98 euros e foron adxudicadas á empresa Covsa por un importe total duns 37.565,9 euros e un prazo máximo de execución de 3 meses. Foi a oferta máis acaída ao pliego de condicións das 11 empresas que se presentaron ao concurso para realizar estes traballos.
Os traballos enmárcanse dentro do obxectivo xenérico de mellorar as infraestruturas rurais porque xeran cohesión social e territorial e melloran as condicións de vida e traballo no medio rural.