O colexio de Barcelos pasará a ser plurilingüe o próximo curso académico
Por Redacción
O colexio de educación infantil e primaria de Barcelos de Pontevedra pasará a ter o próximo curso académico 2021-22 modelo plurilingüe, que implica a impartición de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira.
Será un dos 181 centros con modelo plurilingüe na provincia de Pontevedra no próximo curso. En total, 15 incorpóranse por primeira vez ao proxecto plurilingüe da Xunta de Galicia, mentres que outros 24 centros amplían esta ensinanza a outras etapas educativas. Tres xa eran plurilingües en Primaria e amplían o modelo á Secundaria, 20 amplíano á etapa de infantil (Purinfantil) e un á de Bacharelato (Pluribach).
Barcelos é o único do municipio de Pontevedra que entra na lista, no seu caso, para primaria. Ademais, incorpóranse o CEIP Pedro Antonio Cerviño de Campo Lameiro, o CEIP de Tenorio de Cerdedo-Cotobade e o CEIP de Vilaxoán en Vilagarcía de Arousa, todos eles para educación primaria.
Entre os centros con cambios figuran os CEIP Plurilingüe de Rubiáns e CPR Plurilingüe San Francisco de Vilagarcía de Arousa; o CPR Plurilingüe Abrente de Sanxenxo; o CEIP Plurilingüe de Carballedo en Cerdedo-Cotobade; e o CPR Plurilingüe San Narciso de Marín. Todos pasarán a ser tamén plurilingües tamén en Educación infantil e o San Francisco de Vilagarcía tamén en ESO.
Esta acción está enmarcada na Estratexia galega de linguas estranxeiras 2020, EDUlingüe, cuxo obxectivo fundamental é estender o plurilingüismo a todas as etapas educativas e facilitar que os alumnos e alumnas poidan acreditar o seu nivel de lingua estranxeira ao final de etapa. No conxunto de Galicia serán 465 centros (42 máis) os que terán implantado este modelo.
Este modelo, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, comezouse a aplicar no curso 2010/11 para as etapas de educación obrigatoria, isto é, de Primaria e ESO (o denominado Plurilingüismo clásico). Xa a partir do curso 17/18, a Consellería de Educación ampliouno ás etapas de Infantil (Plurinfantil), Bacharelato (Pluribach) e Formación Profesional (PluriFP).
Relacionadas:
-
RADIO.- Alumnado do CEIP Praza de Barcelos deixan constancia das súas preocupacións e afeccións nun podcast
Por Oskar Viéitez & Marisa Ciordia |
-
RADIO.- Profesores que aprenden a vivir sen tensión atendendo aos seus movementos
Por Marisa Ciordia |
-
Sanxenxo reforzará o persoal de limpeza de colexios o próximo curso escolar
Por Redacción |