Un congreso analizará en Pontevedra a importancia da bioseguridade tras a pandemia
Por Redacción
Preto de 150 expertos e profesionais en bioloxía, medicina, química ou física participarán nun congreso que se celebrará os días 30 de setembro e 1 de outubro en Pontevedra, no que se analizará a importancia da bioseguridade tras a pandemia.
Trátase do quinto Congreso Nacional da Asociación Española de Bioseguridade (AEBios) que, segundo a súa presidenta, Mariña Peña, terá á covid-19 como o seu gran tema central.
O concepto de bioseguridade, segundo Peña, estaba restrinxido a ámbitos científicos "moi específicos", pero a pandemia "trasladouno a todo tipo de instalacións e fogares", facendo que fora "vital" implantalo de maneira "masiva" en hospitais ou residencias.
Este congreso tiña que celebrarse en outubro de 2020 e, fronte a un programa no que se incluía tan só unha charla sobre o coronavirus como "virus emerxente", os organizadores decidiron enfocar toda a programación a esta cuestión.
Así, entre outras cuestións, analizarase os "procesos acelerados" de investigación en ámbitos como o tratamento ou as vacinas ou o establecemento de "barreiras de bioseguridade" e medidas de protección ou descontaminación para frear o avance da pandemia.
Entre os relatores estarán Isabel Sola, codirectora do laboratorio de coronavirus do Centro Nacional de Biotecnoloxía do CSIC; os investigadores Juan García Arriaza e Lluís Montoliu, a catedrática en Inmunoloxía África González ou o perito xudicial Pablo Medina.
"Agora máis que nunca, estamos a darnos conta do importante que é a bioseguridade á hora de evitar e controlar pandemias", destacou a presidenta do congreso.
O obxectivo deste foro será promover o "intercambio de ideas e coñecementos" entre expertos e profesionais de diferentes ámbitos da bioseguridade, como laboratorios, biobancos, animalarios, hospitais ou os servizos de prevención de riscos laborais.
Máis aló da covid-19, o congreso ofrecerá outras catro sesións sobre a bioseguridade aplicada, requirimentos legais de centros e instalacións, diferentes ámbitos de aplicacións ou os retos aos que se enfronta a bioseguridade nun mundo globalizado.
A este respecto, ante o maior risco de pandemias debido a esta globalización, o congreso poñerá o foco na necesidade de vixilancias "exhaustivas" en materia de enfermidades e en saúde animal, para "manter baixo control" infeccións que poidan transmitirse a humanos.