Evacuado por inhalación de fume nun incendio dunha fábrica de Cuntis
Por Redacción
Un incendio orixinado no interior dunha nave industrial de madeira, no municipio de Cuntis, saldouse co traslado dunha persoa con síntomas de inhalación de fume.
A poucos minutos das oito da tarde, unha persoa particular contactou co 112 Galicia para informar de que comezaba a arder unha fábrica de madeira situada no lugar de Pena Arriba, pertencente á parroquia de Troáns. Na mesma comunicación, afirmaba que no interior da nave había unha persoa intentando sufocar as lapas xunto con persoal de incendios forestais.
De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia notificáronlle os datos aos Bombeiros de Vilagarcía, ao GES da Estrada, aos axentes da Garda Civil e da Policía Local e a Protección Civil de Cuntis. Ademais, tamén foron informados os membros das Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Catoira e Portas, co fin de prestar colaboración no lugar.
Horas despois, ao remate das tarefas de extinción do lume, os Bombeiros de Vilagarcía confirmáronlle aos xestores do CIAE-112 que o incendio estaba apagado e que afectou ao interior do silo e a parte da estrutura da fábrica.
Finalmente, o persoal sanitario indicou que unha persoa tivo que ser trasladada con síntomas de inhalación de fume ao Hospital Montecelo.