Censuran a instalación de bolardos en Salcedo "sen criterio técnico" nin aviso aos veciños
Por Redacción
O Partido Popular censurou este mércores a instalación de bolardos para cortar o tráfico nunha rúa situada nas inmediacións do colexio San Martiño, en Salcedo. Denuncian que o Concello fíxoo "con nocturnidade e aleivosía" e sen avisar previamente aos veciños.
Os populares, que acudiron á zona para revisar esta actuación, sinalan que o corte deste vial "non obedece a ningún criterio técnico" e tampouco responde a ningunha petición da comunidade educativa que, segundo Pablo Fernández, eran " desconocedores" da medida.
"Como en Raíña Vitoria, cortaron un vial sen ningún tipo de estudo técnico, de mobilidade ou de tráfico, sobre o que soster o motivo do peche", advertiu Fernández, que reiterou que o Concello "impúxoo sen ningún argumento sólido".
O PP preguntará no próximo pleno municipal o motivo polo que se realizou este corte "indiscriminado" que demostra, ao seu xuízo, que o goberno municipal actúa de "forma ditatorial" e sen contar coa opinión dos afectados.
Desde o oncello aseguran que esta decisión adoptouse porque se trata dun vial de preferencia peonil, como vía de acceso ao colexio, e que esta restrición non se estaba respectando por parte dos condutores.