ConBdeBarro leva 17 actividades a todas as parroquias do concello
Por Redacción
O Concello de Barro volve apostar este ano polo ciclo ConBdeBarro, que leva actividades de pequeno formato a todas as parroquias do municipio e que o ano pasado tivo moi boa acollida.
Este 2021 presentan un programa composto por 17 actividades nas que se combinarán música, maxia, monólogos e cinema ao aire libre, co que o Concello quere ir recuperando a normalidade social, mais sempre baixo o cumprimento das medidas necesarias de control ditadas polas autoridades sanitarias.
O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, considera que repetir un ano máis este formato "era unha obriga vendo o enorme interese que xerou a edición pasada" e destaca que estas actividades permitirán gozar dunha enorme calidade artística ao mesmo tempo que se encherán de vida moitos recunchos emblemáticos das parroquias.
ConBdeBarro pretende encher as fins de semana desde o 18 de xullo ao 26 de setembro de actividades para todos os públicos e gustos e variados.
A programación abrirá este domingo 18 de xullo cunha sesión de cinema ao aire libre ás 22.00 horas na zona da piscina municipal de Barro. O filme escollido para estrear este ciclo de actividades é o recentemente estreado Cuñados, protagonizado por Miguel de Lira e Xosé Antonio Touriñan.
No ámbito musical contarase coas actuacións de grupos e artistas locais: Son das tabernas, Mudland, Robert Beade, Ana Angueira, Chubrassco, Acuarela, grupo de Danzas Amor Ruibal de Barro e a Banda de música xuvenil de Barro. Tamén participarán os grupos Os Druídas, Os amigos do acordeón Rías Baixas, o Mago Paco, Abrahman Cupeiro, Odaiko Percussión Group e Tundal.
Pecharán este ciclo os contadores Quico Cadaval e Guti, que actuarán na Nave da música o 26 de setembro.