Rozan a súa leira e descobren unha zona 'chill out'
Por María José Pita
A limpeza de leiras é unha obriga dos propietarios para evitar que se produzan incendios forestais.
Cumprindo con este deber, as dúas propietarias dun terreo situado xunto ao centro urbano de Marín, con acceso desde a rúa Ezequiel Massoni, contrataron unha empresa de rozas que eliminou as matogueiras e vexetación de grandes dimensións que ocupaban a parcela.
A sorpresa chegou cando os operarios accederon ata a parte superior da leira, nunha zona de bosque. Alí atopáronse cuns asentos perfectamente colocados a modo de pequeno salón. Os intrusos instalaran dous sofás, varias cadeiras de xardín e unha bañeira chea de restos de latas de cervexa. Ademais, na contorna, polo tipo de lixo depositado, adivíñase que estiveron a usar este lugar como zona para consumir alcol e outras substancias.
As propietarias informan de que actualmente a zona xa está totalmente limpa, e agardan que continúe así durante o maior tempo posible. A tarefa non foi doada. O servizo de recollida de voluminosos dependente do Concello de Marín comunicáballes que ata dentro dun mínimo de quince días non se dá data para que as persoas solicitantes acheguen ata o contedor máis próximo os mobles para a súa retirada polo servizo municipal. Este retraso é debido a que o vehículo do que dispoñen é moi pequeno, a demanda é alta e a recollida non é diaria.
A esta circunstancia súmase que, de acollerse a este servizo, as propietarias da leira terían que trasladar o mobiliario elas mesmas ata o contedor máis próximo, a uns cen metros de distancia monte abaixo, un extremo que dadas as súas características físicas facíaselles imposible.
Por tanto, a maiores de custear a roza, tiveron que contratar unha empresa que se ocupase da retirada e tratamento destes residuos, ademais da limpeza de todos os restos esparexidos pola zona. Estes traballos leváronse a cabo a pasada fin de semana.
ACHADO SORPRESA
De todos os obxectos que apareceron nesta leira, o que máis chamou a atención foi un sinal de tráfico. A rotulación do panel metálico recolle indicacións da capela de San Xosé en Bueu e dirección Cangas, o que dá unha idea de que polo menos os "ladróns" realizaron un percorrido de 12 quilómetros no seu transporte.
O achado deste sinal de tráfico xa foi notificado á Policía Local de Marín que nos próximos días procederá á súa retirada.
BOTELLÓNS ILEGAIS
O feito de que se estean realizando reunións para beber alcol en leiras particulares fai saltar as alarmas sobre a proliferación de botellóns, actualmente prohibidos pola situación sanitaria.
Consultada a Policía Local de Marín, os axentes explícannos que co inicio do verán están a levar a cabo un operativo especial de vixilancia para precisamente evitar que se produzan botellóns onde se poida concentrar un gran número de mozos que poidan ser un foco de contaxio de Covid.
Nas últimas semanas, as patrullas policiais non detectaron ningunha actividade neste sentido, nin en zonas públicas nin en propiedades particulares. Tampouco tiveron avisos ou denuncias.
Relacionadas:
-
Nova campaña de concienciación sobre a recollida de voluminosos en Marín
Por Redacción |
-
Crece a recollida de residuos voluminosos en Marín
Por Redacción |
-
Proposta de sanción para catro estudantes que montaron botellón de non convivintes na Finca de Briz
Por Redacción |
-
Denuncian verteduras incontroladas en varias zonas de Marín
Por Redacción |