O PP ve con preocupación que Vilagarcía sexa o concello con maior débeda viva da provincia
Por Oskar Viéitez
Tras consultar os datos que o Ministerio de Facenda fixo públicos recentemente sobre a débeda viva das entidades locais, o Partido Popular resaltou que no caso de Vilagarcía de Arousa dita débeda ascende actualmente a 7’3 millóns de euros. "Converténdose así no concello con maior débeda da provincia de Pontevedra e o sexto de toda Galicia", subliñan os populares.
Esta cifra supón un incremento do 85% respecto ao ano anterior e, tenndo en conta que a débeda viva é a totalidade da débeda pendente de pagar que ten o concello procedente de préstamos a longo prazo con entidades financeiras e avais, implica que por cada habitante de Vilagarcía débense aproximadamente 195 euros.
A portavoz municipal do PP, Ana Granja considera preocupante unha subida tan cuantiosa e pon o foco no cambio de tendencia que estes datos supoñen: "A débeda viva de Vilagarcía estivo baixando ininterrompidamente desde o ano 2012, pero agora parece que se abre un novo tempo de gasto excesivo que oxalá non acabe como en etapas anteriores de gobernos socialistas".
AUMENTO DOS IMPOSTOS
O PP tamén incide nos datos referidos aos ingresos do Concello durante o 2020, "onde tamén chama a atención descubrir que este último ano foi o de maior recadación vía impostos directos de toda a década: 10’6 millóns de euros".
O 72% do total desta recadación impositiva provén do Imposto sobre Bens Inmobles de Natureza Urbana, que se encareceu un 43% desde 2010.
"Nisto consiste o modelo económico do PSOE de Vilagarcía? En recadar máis a través de impostos, gastar máis e pedir cada vez máis diñeiro aos bancos porque o que ingresan non lles chega? ", pregúntase a portavoz municipal Ana Granxa a raíz da análise de todos estes datos.