Augas de Galicia recibe ofertas de 9 empresas para a redacción do proxecto do novo bombeo de Poio
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, investirá preto de 140.000 euros na redacción do proxecto construtivo para un novo bombeo e depósito de retención de recheo no concello de Poio.
Mediante este contrato, trátase de desenvolver unha das propostas recollidas no Plan de saneamento local da ría de Pontevedra e executar un tanque de tormentas nas inmediacións do bombeo de recheo actual, que permita regular o caudal enviado cara á estación de bombeo de augas residuais de Froiz sen pasar polo bombeo de Saíñas.
Augas de Galicia recibiu a oferta dun total de nove empresas interesadas na execución deste contrato de redacción do proxecto, que conta cun prazo de seis meses.
Estes traballos enmárcanse nas 10 novas actuacións identificadas no Plan de saneamento local da ría de Pontevedra. Concretamente, a actuación obxecto deste contrato suporá un investimento estimado en 1,8 millóns de euros.
Cómpre lembrar que este contrato, súmase ao xa licitado desde Augas de Galicia para a redacción do proxecto construtivo do novo bombeo e depósito de retención da Seca e da mellora da estación de bombeo de augas residuais do porto de Campelo, neste municipio.
O obxectivo do presente contrato é a realización do estudo de alternativas, anteproxecto e proxecto construtivo do novo tanque de tormentas nas inmediacións do bombeo de recheo actual.
Para intentar resolver os problemas de saneamento actual na zona, estudarase a execución dun tanque de tormentas, cun depósito de retención de 600 metros cúbicos, un caudal de bombeo máximo de 60 litros por segundo e unha nova impulsión ata un colector que descende por gravidade ata o bombeo de Froiz. A rotura de carga produciríase no mesmo lugar que a do bombeo de Saíñas. Desta maneira, as augas de recheo non pasarían polo bombeo de Saíñas, cuxa capacidade de bombeo se podería reducir.
Relacionadas:
-
Encargan o proxecto para mellorar o saneamento na Seca e no porto de Campelo
Por Redacción |
-
A situación de ENCE "non vai a ser obstáculo", segundo a Xunta, para sanear a ría
Por Alejandro Espiño |
-
Inician as probas dos novos sistemas de depuración biolóxica da EDAR dos Praceres
Por Redacción |
-
Poio inicia as obras de saneamento no lugar da Bouza e recibe unha sanción por un vertido en Saíñas
Por Oskar Viéitez |