Condenado a 19 anos de cárcere por tentar asasinar á súa muller o día que chegaron a un acordo de divorcio
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a 19 anos de cárcere a un home xulgado en xuño por tentar asasinar á súa muller o mesmo día no que chegaron a un acordo sobre o procedemento de divorcio e lesionar ao fillo de amos cando tentou defender á súa nai.
O home está considerado autor dun delito de asasinato en grao de tentativa, coa agravante de parentesco e de xénero, por tentar matar á súa ex muller; doutro de lesións por atacar ao seu fillo e dun terceiro de quebrantamento de condena porque cando ocorreron os feitos, o 15 de xaneiro de 2020, tiña vixente unha orde de afastamento da vítima e do seu domicilio, situado no municipio de Ponteareas.
Ademais da pena de prisión, a Audiencia impúxolle o pago dunha indemnización de 47.000 euros á súa ex muller e 15.500 ao seu fillo polas lesións, os días de curación, as secuelas e o dano moral que lles causou.
A sentenza da sección cuarta da Audiencia considera acreditado que o sospeitoso accedeu ao anexo da casa na que vivira coa súa parella e permaneceu alí ata que entrou a súa xa ex muller. Nese momento, atacouna cun obxecto contundente metálico similar a un machete ou atizador coa intención de causarlle a morte.
Segundo considera probado o tribunal provincial, golpeouna na cabeza "sen aviso previo", de forma que a vítima careceu de posibilidade de evitar o golpe. A pesar de que a muller caeu ao chan, "seguiu golpeándoa reiteradamente co obxecto contundente que portaba".
A sentenza tamén recolle que os berros da muller alertaron ao fillo do matrimonio, que estaba na vivenda e acudiu en auxilio da súa nai. Cando viu que estaba no chan e o seu pai golpeábaa, volveu a casa e colleu unhas tesoiras para defendela, pero ao saír do inmoble, o seu pai golpeouno na cabeza co mesmo obxecto co que atacara á súa nai.
O home, segundo a Audiencia, tirou ao seu fillo ao chan e iniciouse un forcexeo ata que o fillo logrou liberarse e saíu a pedir axuda. Nese momento, o seu pai abandonou o lugar dos feitos.
Tal e como saíu a relucir no xuízo, cando ocorreron os feitos, o home tiña en vigor unha orde de afastamento. Levaba en vigor seis días, desde o 9 de xaneiro de 2020, porque fora condenado por un delito de ameazas ao dicirlle á súa muller que non ía chegar viva ao Nadal e que lle ía a cortar o pescozo. O xulgado prohibiulle achegarse a menos de 100 metros da súa esposa