Cuntis acolle a presentación do programa 'Verán termal' de estadías en balnearios de Galicia
Por Redacción
A vila de Cuntis, pola súa tradición en augas termais, foi o escenario escollido pola Xunta de Galicia para presentar o seu programa 'Verán termal'.
O acto tivo lugar no no Balneario Termas de Cuntis e contou coa presenza do alcalde Manuel Campos, quen tamén é presidente de Villa Termales da Federación Española de Municipios e Provincias; a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; a presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia, Marisol Espiño; o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor; e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.
Todos os relatores coincidiron na necesidade de centrar esforzos en recuperar o turismo termal e captar novos grupos despois dunha situación tan complicada como supón a Covid- 19 para todo o sector. Houbo un compromiso para buscar solucións comúns e colaboración entre as administracións para superar esta crise.
Manuel Campos resaltou a importancia das augas termais para a comunidade galega, facendo fincapé en Cuntis, debido a súa importancia na economía local. O rexedor tamén animou as administracións a seguir con proxectos como 'Verán termal' e remar nunha mesma dirección.
O programa está impulsado pola Axencia Turismo de Galicia e a Asociación de Balnearios de Galicia. Na comarca do Umia, ademais do Balneario Termas de Cuntis, participará o balneario Acuña, en Caldas de Reis.
'Verán termal' inclúe aloxamento en réxime de pensión completa en habitación dobre de uso compartido, en estadías de 10 días e 9 noites. Os usuarios poderán beneficiarse ademais dun programa terapéutico baixo prescrición médica, con tres técnicas diarias. As tarifas van desde os 470 € por persoa en hoteis de tres e catro estrelas, 440 € en hoteis de dúas estrelas, ata os 355 € en hoteis dunha estrela.
O vindeiro luns, 19 de xullo, ábrese o prazo de reserva para acceder a este programa.