Inicio do curso na UNED mentres se constrúe a Aula Magna
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O Centro Asociado á Uned de Pontevedra inaugurou o Curso Académico 2013/14 da man da xornalista excorrespondente de TVE, Rosa María Calaf, que ofreceu a súa Lección Inaugural baixo o título "Periodismo no Século XXI: información ou espectáculo".
Durante a súa intervención, a xornalista destacou que dentro do periodismo "hoxe predomina a comunicación sobre a información", e criticou o modelo informativo desenvolvido na actualidade polos grandes medios de comunicación, que recordou, "son unha ferramenta de coñecemento e creación de modelo social fundamental, cuxa función debe ser crear unha opinión pública sa e responsable".
A directora do centro, Beatriz Rodríguez López, mostrou a súa preocupación pola situación que atravesa a universidade pública e avogou por "reafirmar o servizo público da Universidade Nacional de Educación a distancia e reforzar a calidade" apostando polo compromiso e o traballo duro "para suplir os cada vez máis escasos medios cos que contamos".
Os licenciados da XXXVI Promoción do Centro Asociado á UNED de Pontevedra, recibiron os seus diplomas. A anécdota protagonizouna unha alumna que chegou tarde e, ao final do acto, dirixiouse á mesa presidencial para solicitar que lle entregasen o seu diploma para que a puidera ver a súa filla dende os asentos do auditorio.
AULA MAGNA EN CONSTRUCIÿN
Antes do acto de apertura, as autoridades co presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, o alcalde da capital, Miguel Anxo Fernández Lores e a Vicereitora de Estudantes da Universidade Nacional de Educación a distancia, Consuelo Vélaz de Medrano Ureta, visitaron as obras da futura Aula Magna e sala de conferencias cun aforamento previsto para 300 persoas e un orzamento que supera os 284.000 euros. Agárdase que a obra remate en marzo de 2014.