Expedientan un local de hostalería durante as Festas do Carme por superar "en máis do dobre" o aforo permitido
Por Redacción
A Policía Local de Marín fixo este sábado balance do dispositivo de seguridade habilitado pola celebración das Festas do Carme, no que se prestaba especial atención ás medidas de prevención establecidas contra a covid.
Desde o corpo de seguridade local aseguran que de maneira xeneralizada "as festas desenvolvéronse con normalidade e con cumprimento das medidas", trasladando un agradecemento especial pola súa colaboración aos locais de hostalería.
A pesar diso, si hai que relatar algunha incidencia, como o expediente aberto a un local hostaleiro, concretamente un restaurante, no que tiveron que actuar tanto a Policía Local como a Policía Nacional procedendo ao seu peche. A causa, tal e como explicaron os axentes, foi que o local en cuestión superaba "en máis do dobre" o aforo máximo, unhas 150 persoas, e ademais consumíase en barra, algo non permitido. Ademais varias mesas excedían o número máximo de persoas e algúns clientes non utilizaban correctamente a máscara.
O desaloxo "levouse a cabo de maneira coordinada e sen altercados", sinala a Policía Local.
Outros dous locais requiriron a presenza dos axentes para axudar co desaloxo da xente para evitar que a situación se descontrolase, pechando mesmo antes da hora límite.
Tamén foi necesario actuar en varios espazos públicos ao detectarse a presenza de botellóns, procedendo á súa disolución, e denunciouse a outro establecemento por non respectar o horario de peche e servir a clientes na barra.
Por último a Policía Local de Marín destaca o desenvolvemento dos concertos de DVicio e París de Noia na Praza de España, que tiveron lugar "con total normalidade, sen ningún incidente e cun cumprimento total das medidas sanitarias".