Investigan un roubo de xoias nun edificio de Amado Carballo
Por Natalia Puga
A Policía Nacional de Pontevedra mantén aberta unha investigación para aclarar un roubo nun piso da rúa Amado Carballo no que, aproveitando dez días de ausencia dos seus propietarios, os ladróns levaron un bo botín en xoias.
A persoa propietaria do piso acudiu á Comisaría Provincial o pasado 12 de xullo para denunciar o roubo e relatou que non podía concretar cando se produciu, aínda que tiñan que ser entre os días 2 e 12 de xullo, datas nas que se ausentou do piso.
Os investigadores da Policía Nacional tratan de pescudar a autoría do roubo en base ás probas recollidas no propio piso e ao testemuño da persoa denunciante, que relatou que cando chegou á súa casa ,atopouse a porta aberta, a luz do corredor acendida e todo revolto.
Tras revisar o interior, atopouse con que lle faltaba unha gran cantidade de xoias, aínda que non pode determinar o seu valor. Segundo relatou, saíu da súa casa e pechou a porta, pero alguén tivo que entrar á forza.
A Policía Nacional tan só ten esta denuncia oficial por roubos nos últimos días na rúa Amado Carballo, segundo confirmaron fontes oficiais.