Unha nova vía eliminará un punto negro de tráfico na PO-308 entre Areas e O Sear
Por Redacción
Areas acolle o desenvolvemento dun novo complexo urbanístico que permitirá, segundo o Concello, mellorar e ordenar toda esta contorna. O novo vial contémplase no Plan Xeral de Ordenación Municipal e a súa creación permitirá mellorar a circulación entre Areas e O Sear.
Segundo o goberno municipal eliminarase un punto negro de tráfico na estrada PO-308 e mellorarase toda a zona con amplas beirarrúas e novas prazas de aparcamento tanto en liña como en batería.
A pista que se utiliza ata o de agora pasará a ser de uso exclusivo para residentes a partir do momento en que entre en funcionamento o novo vial no que se está traballando. Desta forma reducirase o tráfico nesta pista de dimensións estreitas e sacarase o máximo rendemento para peóns e vehículo neste novo vial.
Tamén está prevista a instalación de luminarias led, mobiliario urbano e unha ampliación das actuais prazas de aparcamento na contorna da praia de Areas.
Este vial terá dous carrís con dobre sentido e unha extensión de 250 metros, dos que 120 metros correspóndense ao tramo de nova apertura, o resto correspóndese cunha pista existente, que será ampliada pola promotora da urbanización. A PO-308 sométese a un retranqueo, cunha ampliación de beirarrúas e a creación de aparcamentos en batería, xa dispoñibles para os usuarios.