Cerdedo ultima a programación das Festas do Ecce Homo
Por Redacción
As Festas do Ecce Homo en Cerdedo celébranse nesta semana cun amplo programa para todas as idades deseñado polo departamento de Cultura do Concello de Cerdedo-Cotobade.
O mércores 21 de xullo, a partir das 19 horas, terá lugar no Centro Cultural de Cerdedo a proxección da película Trolls 2 con entrada gratuíta e seguindo un estricto protocolo para ocupar de xeito separado e con distanciamento as localidades dispoñibles.
O xoves 22 de xullo, ás 17 horas, comezarán na praia fluvial de Cerdedo os obradoiros e xogos tradicionais para que os máis cativos poidan desfrutar dunha xornada divertida a cargo de monitores especializados en dinamizar o lecer. O acceso a todas estas actividades será gratuíto.
O Mago Tin estará o venres 23 de xullo ás 18:30 horas na praia fluvial de Cerdedo para ofrecer o seu espectáculo. A entrada será gratuíta e haberá que seguir o protocolo sanitario de seguridade e distanciamento.
O sábado 24 de xullo a Banda de Cerdedo ofrecerá un concerto, a partir das 20:30 horas, na Praza do Concello. A asistencia do público será totalmente gratuíta e a agrupación musical ofrecerá un variado repertorio con pezas características do momento.
Finalmente, o programa de actividades péchase o domingo 25 de xullo co pasarrúas por Cerdedo a cargo da charanga Charandonga que, desde as 18 horas, percorrerá as principais rúas e prazas transmitindo animación e bo humor.
O alcalde de Cerdedo Cotobade, Jorge Cubela, lembra á veciñanza a necesidade de respectar as medidas sanitarias e os protocolos contra a covid-19 facendo un chamamento á responsabilidade.
"Queremos que a xente disfrute con sentidiño das festas e que non sexa incompatible un ambiente festivo coas medidas de seguridade e distanciamento que temos que manter en todo momento para que as nosas festas sexan un lugar de encontro e de participación veciñal seguro", manifestaba o rexedor.
Relacionadas:
-
Cerdedo actualiza a súa imaxe urbana coincidindo coas Festas do Ecce Homo
Por Redacción |
-
Unha nova comisión veciñal organizará as Festas do Ecce Homo de Cerdedo
Por Redacción |
-
O concerto de Comando Foucellas abre o Verán Cultural de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
As Festas do Ecce Homo de Cerdedo marcan o inicio do Verán Cultural 2018
Por Redacción |