Unha parella madrileña atopa unha perla nunha ostra no Bioco
Por Cristina Saiz & María José Pita
Cantas probabilidades hai de atopar unha perla dentro dunha ostra? Todo depende de se se trata dun molusco cultivado ou salvaxe, do tamaño, a idade ou a zona de cría.
A falta dun acordo, do que non hai dúbida é de que o caso do restaurante-vinoteca O Bioco, de Pontevedra, é excepcional. Por segundo ano consecutivo, unha parella topouse cunha perla no interior dunha ostra.
Mónica Garrido Carballo, a copropietaria do Bioco, relátanos o momento. "Ao servirlles as ostras explicámoslles, como sempre, como se crían, de onde veñen, como se teñen que comer, sen limón, mastigalas 4 ou 5 segundos para que se te encha a boca de todos os sabores do mar", e neste punto estivo a clave para que a perla non pasase directamente ao tubo dixestivo do comensal. "Empezaron a tomalas e de súpeto o mozo chámame e dime 'mira, mira' e aí estaba a perla pequeniña pero súper bonita porque estaba perfecta".
A casualidade foi dobre, xa que os plans iniciais desta parella madrileña de vacacións no Grove eran pasar o día na praia. Debido ao mal tempo, decidiron facer parada en Pontevedra, visitar o seu centro histórico e na rúa Manuel Quiroga chegaron ata O Bioco. "Viron o cartel de fóra no que anunciamos que temos ostras do Barqueiro e entraron. Pediron dous viños e catro ostras, dúas pequenas e dúas medianas".
As perlas naturais fórmanse coa entrada dun corpo estraño no interior do molusco que, como método de protección natural, cobre a partícula que provén do exterior cunha substancia chamada nácara. O curioso desta ocasión é que a perla apareceu nunha ostra pequena, "debe ter uns 8 ou 9 meses, é rarísimo que saia nunha ostra tan pequeniña; xeralmente saen cando son maiores, cando teñen máis meses e maior tamaño".
Ademais da perla, esta parella nova quíxose levar tamén a cuncha da ostra como recordo. A súa intención é inmortalizar este momento. Mónica Garrido lembráballes que "eu tamén son deseñadora de xoias e roupa e ás dúas perlas anteriores que atopamos fíxenlles un deseño, unha cun peixiño e outra cunha man collendo a ostra; parece que lles gustou moito a idea de facer o peixe, e onde está o ollo poñer a perliña".
Nos 9 anos que levan ofrecendo este produto é a terceira vez que aparece unha perla, as anteriores en 2016 e 2020. En todos os casos trátase de ostras salvaxes que proceden do Barqueiro, o pequeno porto pesqueiro coruñés aos pés de Estaca de Bares. "Démoslles o teléfono da presidenta da confraría e imaxínome que se irán con elas a coñecer o pobo e a ver se lles deixan pasar a ver todo o banco natural, que é alucinante, e ver onde se crían salvaxes as ostras, non en batea, entre 4 e 5 quilómetros de costa, e onde só poden baixar as mariscadoras".
Cada día reciben unha remesa, que en xornadas poden chegar a dobrar cun segundo pedido. "Se pola mañá veñen moitos turistas podemos chegar a pedir dúas veces". Os comensais poden tomar desde unha soa ostra ata a cantidade que desexen ou "fin de existencias".
As ostras xa se converteron no produto estrela do verán neste local situado fronte ao Liceo Casino. No outono, sempre nos sorprende con achados de cogomelos de gran tamaño, o outro reclamo imprescindible da súa carta. "Nós somos de mar e montaña", finaliza Mónica Garrido.
Relacionadas:
-
Juan Castiñeira bate o seu propio récord cun fungo de 15 quilos: "nesta ocasión vai ser para a xente necesitada"
Por María José Pita |
-
A perla que acabará en voda
Por Natalia Puga |
-
Recollen en Xeve un cogomelo comestible de dez quilos
Por Redacción |
-
Achan un fungo xigante de máis de oito quilos en Bora
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |