O PSOE critica no Parlamento a redución de persoal da escola infantil Nosa Señora do Carme de Marín en plena pandemia
Por Redacción
A deputada socialista por Pontevedra Paloma Castro presentou unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para denunciar que a Xunta de Galicia está a proceder ao "desmantelamento" da escola infantil Nosa Señora do Carme en Marín.
Trátase dun centro aberto desde o ano 1962 que ten na actualidade 30 alumnos, dous deles con necesidades especiais. Para atender a todo o alumnado, segundo denuncia a deputada do PSOE, a Xunta reduciu o profesorado de cinco a dous mestres.
Esta diminución de persoal implica reducir o número de clases e "mesturar nenos e nenas de distinta idade", ademais de aumentar o número de alumnado en cada aula do centro. Para Paloma Castro, é un "sinsentido", sobre todo no momento actual de pandemia da covid-19, pois. "é tempo de separar as clases, en vez de xuntalas".
A deputada tamén alerta de que en caso de que un neno ou nena se caia ou unha profesora se poña enferma, unha soa persoa quedaría a cargo dos 30 alumnos e alumnas, "o que non garante unha educación de calidade". Ademais, pon ao alumnado "nunha situación de desamparo total" que reflicte o "desmantelamento da educación pública dos gobernos do PP".
Paloma Castro insta ao goberno galego a manter as tres aulas no centro escolar, unha para cada curso de Educación Infantil cun titor ou titora por aula, ademais dun docente para impartir a especialidade de Inglés e outro docente para impartir a especialidade de Audición e Linguaxe, ambos os dous a tempo completo.