Presentan en Vilagarcía o futuro centro de fabricación avanzada Galicia TurisTIC
Por Redacción
En outubro espérase que estean finalizados os traballos nas instalacións que acollerán o Centro de Servizos Avanzados (CSA) Galicia TurisTIC, situado no municipio de Vilagarcía de Arousa. Tras as obras que comenzarán esta semana e a primeira fase de equipamento, o obxectivo é que estea plenamente operativo a finais de maio de 2022.
O vicepresidente económico da Xunta e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e o director do IGAPE, Fernando Guldrís, visitaban o futuro centro, que se converterá no centro tecnolóxico destinado a impulsar a dixitalización do sector turístico.
Conde indicou que, tras esta actuación, queren crear emprego de calidade e reter talento da mocidade tanto na comarca do Salnés como noutros puntos de Galicia onde se están desenvolvendo outros seis proxectos de fabricación avanzada para potenciar diferentes sectores económicos.
O proxecto global execútase con colaboración público-privada no que a Xunta achega case 27 millóns de euros, preto do 76% dos investimentos. O representante da Xunta sinalou que con estes centros favorécese á pequena e mediana empresa ao utilizar estes espazos como elemento dinamizador de novas solucións a través do uso de "innovación e tecnoloxía".
Galicia TurisTIC fomentará a creación de produtos, servizos e empresas de base tecnolóxica da industria turística galega fomentando a dixitalización. A iniciativa con sede en Vilagarcía conta cun investimento de preto de 400.000 euros e lévase a cabo coa colaboración de entidades como a Agrupación industrial de Turismo de Galicia e o TIC de Galicia; Turismo de Galicia; a Mancomunidade do Salnés; a Autoridade Portuaria de Vilagarcía e as Cámaras de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía.
As instalacións esténdense ao longo de 275 metros cadrados e contarán con tres laboratorios, de intelixencia artificial e big data; de dispositivos intelixentes; ademais doutro de realidade virtual e aumentada. Tamén haberá departamentos de formación tecnolóxica, unha zona de demostración para clientes públicos e privados do mesmo xeito que un espazo de emprendemento para starups.
Neste caso o investimento para este proxecto en Vilagarcía é 100% de procedencia pública.