O comandante director da Escola Naval Militar despídese dos marinenses
Por Redacción
O salón de plenos do Concello de Marín acolleu no mediodía deste xoves un emotivo acto de despedida ao actual comandante director da Escola Naval Militar, Ignacio Cuartero Lorenzo, que estivo presidido pola alcaldesa, María Ramallo, acompañada polo vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto.
Con límite de aforo pola situación sanitaria, no acto estiveron presentes representantes da corporación municipal e de asociacións relacionadas coa sociedade, a cultura e o deporte de Marín.
"Non foi un mandato fácil", declarou a alcaldesa nada máis comezar a súa intervención, "xa que todos os actos que teríamos que ter vivido e organizado foron freados por esta pandemia".
A rexedora quixo agradecer a Cuartero o seu labor á fronte da institución castrense, "pola que traballaches para a súa modernización e adaptación", e pediulle ao homenaxeado que siga vindo a Marín cando estea no seu novo destino.
Pola súa banda, o comandante director saínte afirmou que a Escola Naval de Marín "é moito máis ca un centro de formación. É unha institución con entidade propia e moi querida por Marín".
Así mesmo, recoñeceu que a pandemia foi unha tempestade na que lles tocou navegar, "pero esperemos que pronto amaine e a Escola poida seguir avanzando e traballando en devolverlle aos veciños de Marín todo o que nós recibimos deles".
Neste sentido, Cuartero enumerou algunhas das actividades levadas a cabo grazas á colaboración entre a Escola Naval, o Concello e as asociacións, como campionatos, visitas, conferencias, carreiras populares ou a entrada do tren do Nadal.
O comandante asegurou sentirse en todo momento "acollido e protexido" e agradeceu "o cariño, a cercanía e a amizade recibida".
Relacionadas:
-
A alcaldesa de Marín recibe ao novo Comandante Director da ENM
Por Redacción |
-
Substitución no mando da Escola Naval de Marín coa transformación dixital como reto inminente
Por Redacción |
-
Margarita Robles preside na Escola Naval de Marín a entrega de reais despachos
Por Cristina Saiz & Alejandro Espiño |
-
A ministra de Defensa, sobre a Escola Naval: "es un referente esencial y fundamental de las Fuerzas Armadas"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
A Escola Naval Militar celebrará en xuño o 75 aniversario da súa chegada a Marín
Por Redacción |